Ourense | A Deputación de Ourense e a provincia chinesa de Qinghai veñen de estreitar a súa relación comercial e institucional, iniciada hai un ano en Madrid, coa fin consolidar lazos de colaboración e continuar avanzando cara un irmandamento entre ambas provincias, tal e como se reafirmou na reunión que mantiveron hoxe o presidente provincial, Luis Menor; o presidente e a xerente do Inorde, Rosendo Fernández e Emma González; respectivamente; e o secretario da Confederación Empresarial de Ourense, Jaime Pereira, acompañado da responsable de Promoción Exterior e Relacións Internacionais da CEO, María Fernández.
A delegación chinesa, liderada polo representante do goberno provincial de Qinghai, Mr. Ban Guo, contou tamén con representantes sociais, económicos e empresariais deste territorio de China.
Tal e como explicou o presidente provincial, Luis Menor, esta relación comercial e institucional “é de máximo interese para a Deputación polo noso obxectivo como goberno provincial de axudar ás empresas da provincia na súa internacionalización e exportación”, recalcando que neste eido “o mercado chinés é fundamental”.
Pola sua banda, Mr. Ban Guo ratificou o interese da provincia de Qinghai en fraguar un irmandamento coa provincia de Ourense e puxo en valor a riqueza do territorio ourensán “en materia de cultura, historia e modo de vida”, destacando a amabilidade das súas xentes e a calidade dos seus produtos.
Antecedentes
A Deputación de Ourense, a través do Inorde e en colaboración coa Confederación de Empresarios de Ourense, participou en xuño do pasado ano nun evento organizado pola provincia de Qinghai no Centro Cultural de China en Madrid co fin de estreitar as relacións multiculturais entre ambos países.
O goberno de Qinghai convidou á Deputación a asistir a aquela xornada por ser unha das provincias españolas coas que vén estreitando lazos de cooperación, trala visita realizada en novembro de 2023, dunha delegación ao Pazo Provincial. Esa boa sintonía materializouse hai un ano coa sinatura dunha carta de entendemento para establecer posibles liñas de colaboración no futuro en materias como turismo, enerxía e xestión de recursos naturais.