Lugo | José Tomé Roca, presidente da Deputación de Lugo, e Luís Fernández Guitián, presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, asinaron o convenio de colaboración mediante o cal a institución provincial achega 25.000€ a esta entidade para apoiar o desenvolvemento da súa actividade e potenciar a proxección turística da Ribeira Sacra.
Tomé sinalou que “desde a Deputación de Lugo renovamos un ano máis a colaboración co Consorcio colaborando así coas tarefas que realizan en materia de comercialización e promoción da zona sur da provincia”. Nese sentido, José Tomé puxo en valor o labor desta entidade e recordou que “manteñen un servizo permanente de consultoría para os concellos e os axentes privados da Ribeira Sacra; encárganse de darlle difusión a súa actividade a través de medios online e convencionais; e revisan o estado da sinalización, a xeolocalización dos recursos turísticos ou a distribución de material promocional e informativo a todos puntos de información turística da Ribeira Sacra e do resto da comunidade galega, entre as súas actuacións”.
O Consorcio tamén participa activamente nos trámites da Candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade e asume funcións e partidas do Plan de Xestión de Paisaxe Cultural Ribeira Sacra. A proposta, reformulada baixo un novo enfoque que se centra na paisaxe cultura da auga, avaliarase o vindeiro ano. O mandatario provincial lembrou a implicación da Deputación de Lugo na consecución desta distinción internacional e lembrou a campaña de mobilización institucional e social que liderou a Deputación no ano 2011 baixo a presidencia de José Ramón Gómez Besteiro.
Tomé Roca destacou ademais que “potenciar o turismo da provincia é unha das liñas que vertebran a acción do noso goberno. Por iso, apostamos por un modelo de turismo sostible, de calidade, non masificado, e que se centra na experiencia das persoas que nos visitan”. Na foto José Tomé Roca e Luís Fernández Guitián, na Deputación de Lugo.