Deputación da Coruña presentou o I Congreso sobre o Reino Medieval de Galiza

Terá lugar no Museo do Pobo Galego do 19 ao 22 de setembro

Deputación da Coruña | O deputado de Cultura, Xurxo Couto, acompañado polos comisarios Anselmo López Carreira e Xosé Lois Vázquez, presentou esta mañá o Congreso sobre o Reino Medieval de Galiza que impulsa a Deputación da Coruña. Un foro con carácter académico, pero orientado a todo tipo de públicos, do que Xurxo Couto asegurou estar “especialmente orgulloso”, entre outras cuestións por “ser o primeiro congreso deste tipo e sobre esta temática que se celebra na historia do noso país”.

O Congreso Internacional Reino Medieval de Galiza terá lugar no Museo do Pobo Galego do 19 ao 22 de setembro e as inscricións poderán realizarse a partires de mediados de xuño na web www.reinomedievaldegalicia.gal. Ofrecerase a posiblidade, ademais, de realizar a inscripción para cada unha das sesións.

Está prevista a participación de 18 relatores e relatoras de diferentes perfís que abordarán cuestións relacionadas coa historia, a arte, a literatura, ou a organización administrativa do Reino medieval de Galiza e que proceden de diferentes institucións, entre as que destacan as universidades de Berkeley, Barcelona, Santiago de Compostela e Oviedo.

Xurxo Couto explicou que este congreso nace “porque estamos firmemente convencidos da necesidade de que todas as sociedades deben coñecer o seu pasado para poder recoñecerse no presente. E nós queremos contribuír, con humildade pero con determinación, a que a sociedade galega coñeza mellor o pasado do noso país e a historia social e política do que foi Galiza ao longo dos séculos”.

O deputado provincial de Cultura indicou que o congreso “é un paso máis da liña de traballo que desde a Área de Cultura da Deputación da Coruña puxemos en marcha en relación á historia medieval do noso país e á divulgación social do Reino de Galicia”. Neste sentido, lembrou que hai dúas semanas se resolveu “a convocatoria exitosísima” de apoio económico a proxectos centrados nesta temática, unha convocatoria á que se presentaron un total de 127 proxectos.

Sobre o congreso, adiantou que se abordarán cuestións relativas “a un período absolutamente central para o noso país como é a época medieval, que é a época da lírica medieval galego-portuguesa; da construción da catedral de Santiago; a época dos reis e raíñas enterradas no Panteón Real Galego, a época de Xelmírez; e a do esplendor cultural e artístico da Gallaecia medieval”.

Pola súa banda, os dous comisarios, Xosé Lois Vázquez e Anselmo López Carreira, profundizaron na idea da necesidade de iniciativas que socialicen o período medieval galego entre a cidadanía, dándoo a coñecer con rigor académico e científico. O historiador Anselmo López Carreira asegurou que “non se trata tanto de facer unha contínua reivindicación da existencia do Reino senón simplemente de amosalo desde diferentes ópticas”.

Mencionou que “chama a atención que o Reino de Galicia non se recuperara na historiografía como se recuperaron outros temas como a lírica medieval, sobre todo porque foi o Reino máis antigo da Europa occidental”, tendo en conta que os suevos chegan á Gallaecia romana en 410 e que desde ese momento Galiza xa ten reis e que o reino non desaparece formalmente ata 1834 coa creación das provincias.

Xosé Lois Vázquez foi o encargado de dar a coñecer a imaxe creada especificamente para o Congreso, na que se integran elementos do brasón e do escudo de armas do Reino de Galiza. O logotipo deseñado está composto por catro trevos brancos, unha copa real con tapadeira (representativa dos actos nobiliarios) coroada co ideograma dunha fortaleza (símbolo do poder político). Inclúense ademais dúas tipografías: unha que alude a un tipo de escrita con pluma e trazos góticos, e outra de estilo contemporáneo. Como fondo utilizouse unha trama, en versión azul ou granate, baseada nunha reprodución do Tombo A, da “vestimenta decorada” do cabalo de Alfonso X.

Relatores e relatorios
Jaume Sobrequés (Universidade Autónoma de Barcelona). ‘Historiografía catalana versus historiografía española: un exemplo historiográfico alternativo’

Ramón Grosfóguel (Universidade de Berkeley, California). ‘A dialéctica entre a conquista do reino de Galicia e a conquista de Al-Ándalus na Península Ibérica’

Pablo C. Díaz Martínez (Universidade de Salamanca). ‘Fontes e historiografía do reino suevo, Unha relectura’

Martín Fernández Calo (Historiador). ‘Reis antes do Reino: arredor da entidade e previvencia das xefaturas tribais galaicas ata o albor da Idade Media’

Alberte Lago Villaverde (Murguía – Revista Galega de Historia). ‘O reino alto-medieval no seu contexto europeo’

Mariña Bermúdez Beloso (Universidade de Santiago de Compostela). ‘Terras, condados, territorios: recompoñendo un crebacabezas’

Carlos Andrés González Paz (Instituto Padre Sarmiento). ‘Contribución á socioeconomía agraria da Galicia medieval: a viticultura heroica nas terras de Mondoñedo’

Carlos López Bernárdez (Historiador da arte). ‘A arte na Galicia tardorromana e medieval. Desde a creación do reino ao ano 1.000’

Carlos Baliñas (Universidade de Santiago de Compostela). ‘A Gran Fenda. A desagregación do vello “Regnum Gallaeciae” e as orixes da monarquía nacional feudal de Galicia (1037 – 1139 E.C.)’

Xosé Miguel Andrade Cernadas (Universidade de Santiago de Compostela). ‘En permanente reforma: o monacato na Galicia medieval’

Ramón Yzquierdo Peiró (Museo Catedral de Santiago) ‘Arte da Era Compostelá: unha Catedral para os reis de Galicia’

Heitor Picallo (Investigador) ‘O Reino de Galicia na heráldica europea’

Mercedes Brea López (Universidade de Santiago de Compostela). ‘Galicia e a lírica trobadoresca’

Xosé Ramón Pena (UNED) ‘Breve crónica da prosa medieval galega’
Eduardo Pardo de Guevara (Instituto Padre Sarmiento) ‘Vella nobreza e nova nobreza na Galicia medieval’

Anselmo López Carreira (UNED) ‘O lexitimismo galego entre Portugal e Inglaterra (século XIV)’

Antón Xosé Meilán García (Universidade de Oviedo) ‘Pardo de Cela e o Estado Moderno’

Pegerto Saavedra (Universidade de Santiago de Compostela) ‘As Xuntas e o final do Reino: do século XVI á década de 1830)

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos