Deputación da Coruña inviste 3,6 millóns € na creación de emprego

En 93 Concellos da provincia

Deputación da Coruña | A Deputación da Coruña inviste este ano 3,6 millóns de euros para crear emprego nos 93 concellos da provincia. Faino a través dunha nova convocatoria do programa PEL-Concellos, unha das liñas do seu consolidado Plan de Emprego Local (PEL), que este ano destinará máis de 8 millóns de euros á creación de emprego tanto no sector público coma no privado.

A achega permitirá que os 93 Concellos coruñeses poidan contratar durante un ano a persoas desempregadas para a prestación de servizos municipais tan imprescindibles como a limpeza viaria, mantemento da iluminación pública, recollida e tratamento de residuos, abastecemento de auga potable e redes de sumidoiros, melloras nos accesos aos núcleos de poboación, pavimentación das vías públicas, mantemento de parques e xardíns, protección da salubridade pública ou mantemento e vixilancia dos centros públicos de ensino, entre outros.

EL, o maior programa de emprego local en Galicia
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, afirmou o PEL “é o maior programa de emprego impulsado por unha administración local en Galicia” e subliñou o “carácter social” desta liña do PEL para concellos, que “ofrece unha oportunidade laboral a centos de persoas con especiais dificultades para atopar un emprego nun contexto social e económico tan difícil coma o actual”.

O presidente sostivo que a creación de emprego e a protección social dos colectivos máis desfavorecidos son os dous obxectivos principais do Goberno provincial neste 2022, co obxectivo de “impulsar a recuperación económica de forma xusta, apoiando aos colectivos que máis o necesitan”.

O ano pasado, PEL-Concellos permitiu crear 593 empregos e deu unha oportunidade laboral a máis de 3.000 persoas desde a súa creación en 2016.

O PEL-Concellos chega aos 93 municipios da provincia
Nas anteriores edicións do programa, só se incluían os municipios con poboación inferior a 20.000 habitantes. Unha condición que agora se elimina para pasar dos 82 Concellos beneficiarios aos 93, a totalidade da provincia, e ofrecer o maior número de oportunidades laborais posibles no territorio coruñés.

González Formoso sinalou que “a vontade da Deputación é aliviar a carga económica que están a sufrir todos os concellos por mor da crise derivada da pandemia, que minguou os seus recursos económicos”. Deste xeito, preténdese ofrecer apoio a todos eles ante as manifestas necesidades “que debemos atender da forma máis inmediata e eficiente posible, para garantir a seguridade e saúde da cidadanía e a mellora dos servizos municipais”

O presidente provincial destacou ademais que se prestará especial atención aos concellos máis pequenos, con menores recursos, concedéndolles axudas maiores en proporción ás súas taxas de desemprego.

Os Concellos recibirán entre 19.000 e 75.000 euros
O importe a recibir por cada Concello con menos de 50.000 habitantes varía en función da porcentaxe resultante de dividir o número de persoas desempregadas entre o número total de persoas desempregadas nos concellos de menos de 50.000 habitantes, oscilando as cifras entre os 19.000 e os 52.000 euros.

Pola súa banda, os concellos da Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela optarán a unha contía única de 75.000 euros para contratar persoal.

As administracións locais poderán destinar as subvencións a financiar os custos salariais e de Seguridade Social derivados da contratación do novo persoal, ademais das indemnizacións de fin de contrato e os cursos de formación en materia de riscos laborais que deban realizar as persoas contratadas segundo a lexislación laboral vixente.

As e os operarios terán unha xornada mínima semanal de 25 horas e realizarán labores relacionados co desenvolvemento de servizos municipais imprescindibles. Os Concellos deberán ter en conta á hora de levar a cabo os contratos que estes deben adaptarseao establecido pola reforma laboral e que pasarán a rexerse polo Real Decreto-Lei 32/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía da estabilidade no emprego e a transformación do mercado de traballo.

As persoas con maior dificultade para atopar traballo serán a prioridade

Á hora de seleccionar o persoal, a Deputación aplicará criterios sociais e dará prioridade á inserción de persoas que pertenzan a colectivos con maiores dificultades para acceder a un posto de traballo.

Así pois, beneficiarase a persoas maiores de 45 anos, desempregadas de longa duración, cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%, pertencentes a fogares con todos os seus membros sen emprego, vítimas de violencia de xénero, en risco de exclusión laboral ou mulleres. Ademais, dentro destes colectivos, os Concellos primarán a aquelas persoas que teñan rematado favorablemente programas de capacitación, formación e integración no mundo laboral organizados ou financiados polas administracións públicas.

O prazo para que os concellos podan as súas solicitudes abrirase a vindeira semana coa publicación destas axudas na Base Nacional de Subvencións.

As bases reguladoras poden consultarse na seguinte ligazón: https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2022/01/27/2022_0000000381.html

Entidades recibirán 3,2 millóns de euros
A Deputación da Coruña destina este ano 3,2 millóns de euros a entidades sociais da provincia para o mantemento dos seus centros, programas e servizos, así como para dar apoio a investimentos e iniciativas de loita contra a violencia de xénero e políticas de igualdade.

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) vén de publicar a convocatoria das cinco liñas de axudas coas que o ente provincial promove o traballo que se realiza desde as entidades sociais, fundamentais para garantir o estado de benestar e protexer os dereitos da cidadanía. Poderán optar ás subvencións as entidades sen fins de lucro con sede social na provincia da Coruña ou que desenvolvan a súa actividade nesta.

Con esta importante achega “queremos apoiar o labor fundamental que desenvolven as entidades sociais da provincia da Coruña en eidos especialmente sensibles como a atención á infancia, familia e mocidade, os maiores, as persoas con diversidade funciona, o tratamento das drogodependencias e adiccións e cos colectivos que se atopen en risco de exclusión”, explicou o presidente, Valentín González Formoso, que subliñou a “importante aposta social da Deputación nos últimos anos, a máis grande da súa historia, cun orzamento que coloca as persoas no centro das nosas políticas para que ninguén quede atrás”.

“Este ano destinaremos 3,2 millóns de euros en axudas que servirán para contratar persoal, realizar melloras e ampliacións dos centros ou financiar programas importantes de rehabilitación, tratamento ou inserción social e laboral”, explicou o presidente, que remarcou que o ano pasado 257 entidades da provincia accederon ás axudas da Deputación.

Pola súa banda, a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, destacou estas liñas de subvencións como “esenciais para axudar ao traballo diario das entidades que desenvolven un papel moi importante na mellora das condicións de vida de miles persoas e familias en situacións especialmente vulnerables”, dándolles un espazo no que continuar desenvolvéndose para buscar un futuro mellor e acceder a novas oportunidades, sempre en igualdade.

A deputada de Igualdade, María Muiño, destacou tamén os 420.000 euros que a Deputación destina este ano a axudas no eido da loita contra a violencia de xénero e a igualdade.

800.000 euros para o mantemento de centros
Un dos programas provinciais dedicará 800.000 euros ao mantemento de centros sociais da provincia, financiando con este orzamento salarios de traballadores, transporte, adquisición de equipamento e material, provisións e seguros, entre outros.

As contías que se han percibir oscilarán entre un mínimo de 10.000 e un máximo de 120.000 euros e permitirán desenvolver os centros de menores e de atención á infancia; ludotecas; residencias de maiores; centros de atención diúrna e nocturna; vivendas comunitarias; apartamentos tutelados; centros ocupacionais, de rehabilitación psicosocial e laboral; unidades asistenciais e terapéuticas; centros de tratamento do alcoholismo; bancos de alimentos; albergues; ou comedores sociais.

800.000 euros para o mantemento de programas e servizos
Dentro das súas axudas, a Deputación inclúe tamén un investimento de 800.000 euros para mellorar a implementación de programas e servizos no eido. As cifras das achegas irán dun mínimo de 1.000 a un máximo de 60.000 euros.

Achegas que permitirán o desenvolvemento de programas de transporte adaptado; de rehabilitación; de eliminación de barreiras para persoas con diversidade funcional; de actividades de respiro familiar; de programas de acompañamento e mellora da empregabilidade e de inserción laboral con accións prelaborais de capacitación e acompañamento; ou de atención psicosocial e intervención socioeducativa dirixidos a menores en situación de risco ou conflito social.

Así mesmo, o investimento dará apoio a programas dirixidos a persoas drogodepententes ou con trastornos aditivos con actividades de tratamento terapéutico, rehabilitación e inserción social; apoio ás familias e para prevención no colectivo de menores e mocidade ou de inserción laboral que conten con accións prelaborais, de capacitación e acompañamento. Por outra banda, colaborarase tamén con accións dirixidas a minorías étnicas e inmigración para as súa integración sociolaboral.

700.000 euros para investimentos nos centros
Compra de aplicacións informáticas, construcións e obras nos centros, adquisición de nova maquinaria, ferramentas ou aparatos, así como equipos para procesos de información ou outro material son os elementos que se financiarán con cargo a esta liña de axudas, que permitirán adecuar os locais das entidades ás súas necesidades, así como impulsar a modernización destes con novas tecnoloxías.

As contías nesta liña poderán ir dun mínimo de 750 euros a un máximo de 200.000 euros.
500.000 para programas sociosanitarios.

Con cargo a esta liña, as entidades da provincia poderán solicitar axudas para programas de apoio e tratamento de enfermidades e as súas consecuencias como terapias de rehabilitación ou de apoio psicolóxico, así como programas formativos, congresos, xornadas, seminarios ou foros dirixidos tanto ás persoas afectadas por unha enfermidade e as súas familias como á poboación xeral.

As axudas, que oscilarán entre os 1.000 e os 40.000 euros, poden destinarse a gastos que van desde a contratación de persoal á compra de bens destinados á actividade.

420.000 euros para loita contra a violencia machista e igualdade
A Deputación financiará con 420.000 euros accións no eido da loita contra a violencia de xénero e a igualdade. Os proxectos inclúen plans formativos, de sensibilización e dinamización sobre empoderamento e participación social; diagnoses e estudos en materia de igualdade; programas formativos de capacitación profesional e fomento do cooperativismo; servizos de conciliación, actividades de sensibilización; programas de intervención e tratamento integral con mulleres vítimas de violencia de xénero ou trata e coas súas fillas e fillos e persoasdependentes delas. Neste caso as contías irán dun mínimo de 1.000 a un máximo de 40.000 euros.

Prazo de presentación de solicitudes
As achegas financiarán do 20 ao 80% dos gastos e as solicitudes poderán presentarse de forma telemática a través da plataforma Subtel (na páxina web https://sede.dacoruna.gal/subtel/).

O prazo de presentación destas determinarase no anuncio do extracto de cada convocatoria que se publicará no BOP, por conduto da Base de Datos Nacional de Subvencións.

A concesión das subvencións basearanse en criterios obxectivos establecidos nas bases, como número de usuarios, antigüidade da entidade, concellos nos que presta servizo, recursos humanos e materiais, calidade técnica do proxecto, transversalidade de xénero ou estabilidade e continuidade do programa.