Deputación da Coruña amplía os prazos de candidaturas para a IV edición dos premios PEL

Ata o próximo 28 de xaneiro


A Coruña | A Deputación da Coruña amplía o prazo de presentación de candidaturas á cuarta edición dos premios PEL, podendo rexistrarse ata o vindeiro 28 de xaneiro ás 14.00 horas.
Os premios do Plan de Emprego Local contarán con cinco categorías, unha das cales estará dirixida a recoñecer iniciativas innovadoras que, impulsadas tanto por empresas como por concellos, contribúan na loita contra a COVID-19. Así pois, as categorías desta edición son:
1ª CATEGORÍA: Premio á mellor iniciativa empresarial nova, destinado a autónomos/as e empresas da provincia constituídas nas anualidades 2019 ou 2020.
2ª CATEGORÍA: Premio á mellor iniciativa empresarial consolidada, para autónomos/as e empresas da provincia constituídas en 2015 ou con anterioridade.
3ª CATEGORÍA: Premio á mellor iniciativa innovadora na loita contra a COVID-19, para autónomos/as, empresas e concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia que a través da súa actividade innovadora axudasen a frear a expansión da COVID-19, investigaran unha posible cura e/ou contribuísen dalgún xeito a paliar os efectos negativos derivados da pandemia.
4ª CATEGORÍA: Premio ao concello promotor do emprego de calidade, destinado aos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia.
5ª CATEGORÍA: Premio á mellor asociación empresarial, para asociacións, agrupacións e federacións de empresarios e empresarias da provincia.
Repartiranse un total de 75.000 euros en premios, 15.000 por cada categoría. Débese ter en conta que non se admitirá máis dunha candidatura por entidade e categoría, coa excepción de que os concellos poderán presentar candidaturas á terceira e cuarta categorías.
A presentación de iniciativas realizarase de forma telemática a través da plataforma SUBTeL da Deputación.
As bases reguladoras e a convocatoria pódense consultar na páxina web do Premio Provincial á Mellor Iniciativa Empresarial.