Denuncian mal estado das árbores do centro de Salvaterra

A Asociación Lazoiro esixe responsabilidades ao Concello

Salvaterra de Miño | A Asociación Lazoiro esixe responsabilidades ao Concello de Salvaterra pola tala de numerosas árbores no centro de Salvaterra, que non son substituídas, quedando en moitos dos casos parte dos troncos durante longos periodos, practica que vén sendo habitual nos últimos anos.

Ademais deste problema, a asociación recolleu só no centro da vila, máis de 20 localizacións onde antes había árbores e agora foron directamente substituídas por baldosas, suprimindo así zonas de sombra e facendo por tanto que as rúas collan temperaturas máis elevadas.

Dende a Asociación Lazoiro piden tamén que rematen as prácticas de mantemento habituais que practica o concello na xestión das árbores e arbustos, onde prima unha poda excesivamente agresiva, práctica actualmente desaconsellada por expertos, que permite a proliferación de enfermidades, dando lugar ao estado case maioritario de todos aqueles exemplares que xa levan un tempo plantados, ocos por dentro, co perigo que supón para os viandantes.

Lazoiro cuestiona tamén a falta de árbores e zonas verdes con sombras nas novas rúas humanizadas, compostas con lousa ou formigón, unha práctica que en poucos anos haberá que reverter debido ao aumento das temperaturas, recalcan ademais que “non se pode promover un xardín sobre o miño cunha xestión deficiente de espazos verdes e a total falta de zonas con árbores no centro da vila”.