A denuncia contra o franquismo chega ao Parlamento europeo

O BNG, da man de Ana Miranda –portavoz nacionalista en Europa- demanda a ilegalización da Fundación Franco por apoloxía do fascismo

Bruxelas | No convencemento de que a existencia da Fundación Francisco Franco é unha absoluta anomalía democrática, o BNG trasladou á eurodeputada Tatjana Zdanoka a petición para que se proceda a ilegalización desta entidade, que tramita as visitas ao pazo de Meirás. A eurodeputada letona (que visitou a ría do Burgo en 2013 e realizou un informe deixando constancia do seu mal estado) forma parte da Comisión de Peticións do Parlamento europeo que tramitará a solicitude realizada polo BNG en representación do Grupo Verdes-ALE.
Na presentación da petición en Bruxelas participaron a concelleira do Bloque no Concello de Sada, Isabel Reimúndez, o exalcalde desta localidade pola formación nacionalista, Abel López Soto, así como os investigadores Carlos Babío(e integrante da Asociación de Recuperación da Memoria Histórica de A Coruña) e Manuel Pérez Lourenzo, entre outros. Precisamente Babío e Lourenzo presentaron recentemente a obra “Meirás, un Pazo, un caudillo, un expolio”,no que explican como na Transición se deron os pasos necesarios para que o pazo de Meirás seguira pertencendo á familia Franco.

O argumento no que se basea o BNG para levar adiante esta iniciativa radica en que os valores que defende a Fundación -de enxalzamento da ditadura, como ela mesma recoñece-, son contrarios aos principios de democracia e dereitos fundamentais sobre os que se asenta a Unión Europea. Previsiblemente, a decisión da Comisión de Peticións sobre esta demanda demorarase tres meses, de forma que coincidirá co inicio do escano europeo por parte de Ana Miranda, en virtude dos acordos que o BNG mantén con outras formacións políticas.

Xornada#FranquismoPostFranco
Previamente á petición de ilegalización da Fundación Francisco Franco, o Bloque organizou no Parlamento europeo (en colaboración con ERC, Bildu e Compromís) a xornada “Franquismo despois de Franco”, na que diversos investigadores, políticos e xornalistas abordaron, desde diferentes perspectivas, a pervivencia e as consecuencias do franquismo.

A xornada artellouse en catro grandes bloques temáticos, de xeito que no primeiro deles falouse da pervivencia do franquismo nas institucións así como dos ataques á liberdade de expresión. O catedrático de Ciencias Políticas, Ramón Cotarelo; o director da revista El Jueves, GuillermoMartínez-Vela; a vicepresidenta da Deputación de A Coruña, GorettiSanmartín; e o profesor de Historia da USC, Lourenzo Fernández Prieto foron os encargados de poñer de manifesto esa pervivencia, citando como exemplos o pazo de Meirás e os ataques á revista El Jueves.
Xa no segundo bloque, baixo o título de “Políticas europeas de memoria: accións de recuperación da memoria histórica”, a eurodeputada italiana Bárbara Spinelli falou das similitudes e diferenzas entre o caso español e o italiano, mentres que MartíGrau explicou as actuacións para promover o franquismo en clave europea. Ademais, o xurista FerránPuchades fixo referencia á lei de memoria histórica da Comunidade Valenciana; JosepHuguet, da Fundación Josep Iria,explicou a recuperación do patrimonio catalán da República; e, finalmente, o profesor de Historia da USC Antonio Míguez falou do proxecto de recuperación da memoria nomesevoces.net.

Dando continuidade a este bloque, o terceiro centrouse no impacto do franquismo nas identidades nacionais do estado español. Así, o presidente da Fundación Euskal Memoria Fundazioa explicou as secuelas do franquismo en EuskalHerria; o historiador JoepMariaSolé fixo referencia a súa incidencia en Catalunya; o profesor de Socioloxía e Antropoloxía Social da Universitat de Valencia Vicent Flor, centrouse na relación entre franquismo e anticatalanismo no País Valencià; e o profesor de Historia e presidente da Fundación Alexandre Bóveda, Uxío-Breogán Diéguez,salientou o longo adoutrinamento que fixo posible a pervivencia do franquismo na sociedade española.

Finalmente, e nun cuarto bloque temático cargado de emoción, abordouse o tema “Dereitos humanos e memoria democrática”. O integrante da Plataforma Goldatu, -que loita polos dereitos dos represaliados vascos durante a ditadura- JosuIbargutxi, falou da impunidade do franquismo, tema que continuou o vicepresidente da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica, Marco González, coa súa ponencia “Agujereando la impunidad, Desde Priaranza del Bierzo a Buenos Aires.

Pola súa banda, a documentalista e unha das principais impulsoras da denominada “Querela arxentina”, Manuela Bergerot, abordou a cuestión da memoria histórica desde unha perspectiva de xénero e lembrou a inesquecible figura de Carlos Slepoy. A profesora de Dereito Penal da UDC fixo unha análise do negacionismo en Europa, mentres que o xornalista especialista en Memoria Histórica, Juan Miguel Baquero, abordou o drama das fosas do franquismo e o “terror silenciado”. Finalmente, o integrante da Iniciativa Galega pola Memoria, Matías Rodríguez explicou a recuperación da memoria en Galiza.