De Castromil a Nueva Pescanova, os avances da lingua

A publicidade en galego ten como primeiro fito histórico o anuncio da máquina de coser da “Compañía Fabril Singer” publicado nos derradeiros anos do século XX na revista A Monteira. Por aquel entón a editada na Habana e dirixida por Curros Enriquez “Terra Galega”, anunciaba tres marcas de viños galegos “Salto do Can”, “Enxebre” e “Veira do Miño”.

Moitos anos despois, o xornal “A Nosa Terra” publicitaría xa anuncios no noso idioma. Pero a máis cualificada sería a revista “Nós”. Eran anuncios con deseño de Castelao para publicitar as Augas de Mondariz. O director-xerente, Enrique Peinador Lines, militante do Partido Galeguista, rescatouna dunha posible desaparición por falta de recursos financieiros coa publicación dos referidos anuncios, incluídos os do Balneario. Non sei se a mostra organizada para celebrar o centenario recolle este feito que non é máis que anecdótico.

Despois dun longo período de proscrición, a publicidade en lingua galega volve emerxer coa aparición de “ZZ Almanaque Agrícola”, editado polos laboratorios Zeltia Agraria, S.A., grazas aos empresarios Ramón Obella Vidal e Antonio Fernández López que pertenceran ao Partido Galeguista. Este libriño de 80/90 páxinas distribuíase por milleiros a través das tendas de distribución dos produtos elaborados polos laboratorios porriñeses. Podemos afirmar que a maior parte das veces foi a única publicación en lingua galega que estaba nas casas labregas pola utilidade práctica dos seus contidos. O seu director foi Ricardo García Suárez, médico e investigador dos laboratorios, labor que simultaneou deseñando os libros da editorial Galaxia co seudónimo “Xohán Ledo”, tamén vello militante do Partido Galeguista.

En 1989 a proposta da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia galeguizouse a empresa de transporte público “Castromil”, ben coñecida porque se distinguía das desmais “liñas” de autobuses pola súa frota moderna, hixiénica, puntual nos seus horarios que vertebraban as provincias da Coruña e Pontevedra. Aquela galeguización foi feita en tres meses, aproximadamente, grazas a que o seu director-xerente e copropietario, don Ramón Castromil, que venceu todos os prexuízos lingüísticos desgrazadamente raizados no empresariado galego. Na memoria de todos nós están os nomes de escritores galegos que identificaban os autobuses, e a edición dos “Contos do Castromil” que se lle entregaban aos usuarios xunto co billete en galego.

Por eses anos, Larsa, a maior empresa leiteira de Galicia, rexeitaba o uso da lingua galega mentres en Catalunya facía publicidade en catalán. O mesmo que agora fai a cervexeira “Estrella de Galicia”. Condutas que evidencian eses complexos lingüísticos que tollen por igual a empresarios e creativos de imaxe corpotativa. Lembro que por entón puxérase en contacto comigo Aina Moll, titular da Dirección General de Política Lingüística da Generalitat de Catalunya para que lle procurase o contacto do máximo nivel en Larsa para felicitalos porque estaban poñendo publivías en catalán. Cumprín coa encomenda falando co director-xerente da leiteira. Axiña llo dixen reloucou de contento. Como non daba creto a tal estado de anímo, pregunteille cando farían o mesmo en Galicia. A súa resposta foi antolóxica: “Aqui nunca, porque los gallegos no servimos más que para andar con las “vaquiñas””. Estaba visto que aquel señor tiña unha visión moi curta para dirixir o seu negocio, como quedou demostrado posteriormente.

Unha vez que unha empresa radicada na Normandía francesa se fixo coa totalidade do accionariado, nomeu conselleiro delegado a un madrileño, Antonio Arenas. Entrevistamonos con el para propoñer algunhas pautas de galeguización e velaí que aceptounas de contado. Pasados os anos aída hoxe o convenio colectivo da empresa, redactado en galego e ratificado varias veces, recolle no seu texto un artigo titulado “Dereitos lingüísticos dos traballadores” (primeiro no ámbito das empresas privadas) que garante a liberdade do uso da lingua galega nas relacións coa empresa. Naquel tempo fora un paso transcendental. Froito daqueles inicios galeguizadores é a etiquetaxe en galego dos envases do leite que comercializan.

Con eles, Larsa e Castromil, trenzamos un grupo de empresas importantes – Construcións Malvar, Covsa, Seguros La Fe, etc…- que mesmo programaron cursos de lingua galega para os seus traballadores e traballadoras de oficinas en horas laborais. Habían sumarse a este proceso Astilleros Barreras, Celtic Estores, Egatel, Itelsis, Progando, etc… E moitas máis con cadansúa escenificación de “Investidura de Galeguidade Empresarial”. Recentemente fíxose na empresa ourensá Autos Rodríguez López, a carroceira de ambulancias máis importante de España. A pandemia obrigounos a adiar o acto de investidura de Aceites Abril e doutras máis que racharán co mito do imposible no ámbito da normalización lingüística no eido empresarial.

Unha desas empresas é NUEVA PESCANOVA que vén de dar os primeiros pasos coa versión galega da páxina web. Don Ignacio González Hernández, conselleiro delegado, está polo labor de iniciar a galeguización empresarial. O Foro E. Peinador e a Secretaría Xeral de Política Lingüística estaremos ao seu carón.


Director da revista Lingua e Dereito. Presidente da Fundación dos premios da Crí­tica de Galicia. Secretario da Asociación de Amigos do Couto Mixo. Colaborador da Enciclopedia Galega Universal e asesor literario da editorial Ir Indo. Fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüí­stica e da Asociación de xuristas en galego. Fundador da Fundación Galicia Empresa. Ademais, fundador da Fundación Lois Pena Novo.
Publicado o 19 Nov 2020.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!