Daquela fariña veu esta borralla.

Cadernos da viaxe.

A Sala do Penal do Tribunal Supremo (TS) ven de condenar ao fiscal xeral do Estado á pena de 7.200 € e dous anos de inhabilitación especial, canda unha indemnización de 10.000 € por danos morais á parella da presidenta rexional de Madrid, A decisión xudicial coñeceuse na quinta, 20-N (por certo, o día do 50 cabodano do ditador Francisco Franco) a medio dunha providencia xudicial que substituía á maxistrada-relatora polo presidente da Sala por mor de ser aquela partidaria, canda a súa compañeira maxistrada , da absolución do acusado. A redacción da sentenza cumpriralle ao devandito presidente.

A primeira cuestión que haberiamos de desenvolver é se procede anticipar a decisión xudicial canto á condena á sentenza que estableza s seus antecedentes, feitos probados e alicerces xurídicos. Cómpre dicir que este anticipamento non está prohibido e do mesmo existen precedentes máis afastados e máis próximos, en todas as ordes xurisdicionais. Malia non ser cotiáns e moito menos en casos tan mediáticos e transcendentes.

O fallo condenatorio ten potenciado dun xeito moi substancial a extrema polarización política que vive a política estatal, coa singularidade de que ten inserido na polarización, non só aos axentes organizados da fiscalía, maxistratura e avogacía progresista, senón a moi amplos sectores non organizados dos devanditos colectivos e líderes de opinión do mesmo, nomeadamente pola falla de consideración do declarado no xuízo por varios xornalistas de varios media que, baixo advertencia de falso testemuño, afirmaron coñecer de primeira man que o fiscal xeral non difundira segredo ningún.

“O fallo condenatorio ten potenciado dun xeito moi substancial a extrema polarización política que vive a política estatal”

Cómpre adiar a nosa opinión definitiva ao intre de coñecermos íntegra a sentenza. Mais o anticipamento da decisión, os termos das acusacións, da defensa e do ditame da Fiscalía, o desenvolvemento do xuízo, a instrución e o perímetro de coñecemento xudicial deseñado por cadansúas Salas de Admisión e de Apelación do propio TS permite salientar i) como vai eludir o TS na súa sentenza os testemuños dos xornalistas que dixeron que o fiscal xeral non foi a fonte de coñecemento da súa información, ii) como se vai alicerzar a condena só nos emails entre o avogado de Glz. Amador e o fiscal do seu caso, pois que a nota de prensa da Fiscalía Xeral informando que fora Glz Amador o que ofrecera o pacto de conformidade coa Fiscalía foi deixada “extra muros” do perímetro do coñecemento xudicial por auto da Sala de Admisión do TS de 15 de outubro de 2024, iii) dúas das sete maxistradas do Tribunal van emitir votos particulares a prol da absolución, como un dos maxistrados da Sala de Apelación votou polo arquivo da causa.

Todas estas circunstancias fan albiscar que hai moito partido por diante tanto no Constitucional (TC) como no Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH ) onde se van decidir as vindeiras batallas, malia que sen unha suspensión cautelar do TC (nada común na praxe do mesmo) a sentenza será definitiva no intre no que se notifique.
Sen dúbida é lóxico o alporizamento de amplísimos sectores da sociedade española. Mais bótase faltar unha reflexión dos sectores progresistas e de esquerdas españois para conectaren esta decisión do TS deste 20-N coas súas decisións antecedentes non aplicando a amnistía no 2024 ou condenando no 2019 Forcadell, Junqueras, Turull, Forn, Rull, Bassa, Romeva, Sánchez e Cuixart a penas de cárcere entre 9 e 13anos no xuízo do procès. Condena, por certo, que asinaron catro dos cinco maxistrados que agora condenan ao fiscal xeral (a quinta, Carmen Lamela, era a maxistrada da chamada “Audiencia Nacional” que enviou a prisión preventiva en novembro de 2017 á maioría dos despois condenados polo TS).

Cómpre sinalar algunha das ilegalidades daquela sentenza do procès que, máis cedo ca tarde, van ser avaliadas polo TEDH. A incompetencia do TS para xulgar aquela causa (o órgano competente era o TSX de Cataluña) determinou a vulneración dos dereitos fundamentais dos condenados ao xuiz ordinario pretedermado pola lei e ao dereito ao recurso en segunda instancia. A inexistencia de violencia ou de intimidación determinaría a imposibilidade de aplicar un tipo penal de sedición hoxe xa desaparecido do Dereito Penal español, como xa o estaba no 2017 dos Códigos europeos. E a falla de proba do delito de malversación foi antolóxica.

Daquela fariña ven esta borralla. Daquelas causas viñeron estas resultas. Se agora houbo lawfare contra o fiscal xeral foi posíbel pola lawfare desenvolvida dende outubro de 017 contra determinados patriotas cataláns. Sen nos esquecer precedentes máis remotos como as condenas por prevaricación ao antigo vicepresidente da Xunta Xosé Luis Barreiro (1990) e ao presidente do Parlamento vasco Juan Mari Atutxa e aos membros da súa Mesa Gorka Knorr (EA) e Kontxi Bilbao (IU-EB) no 2005, logo de seren absoltos previamente por cadanseus Tribunais Superiores de Galicia e Euskadi.

Porque a aplicación do Dereito Penal do Inimigo ten moito a ver coa misión na que se sentiron investidos determinadas persoas do cumio da maxistratura (tamèn da fiscalía e non sempre todos supostamente conservadores) ao que lle deu pulo a aprobación de determinada lexislación excepcional do felipismo e aznarismo ou o discurso do Xefe do Estado do 3 de outubro de 2017 a prol da represión do procès.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.