Creo que foi Arquímedes o que dixo “dádeme un punto de apoio e moverei o mundo”. Nós cambiamos o de apoio pola escola para conseguir o mesmo resultado.
Claro que isto así tan sinxelo e sen mais argumentación non deixa de ser unha bonita frase e pouco mais. Nembargantes, pretendemos darlle un chisco de forma para que se nos entenda.
A min tocoume asistir a unha escola da aldea; aló polos anos corentatantos ou cincoenta do pasado século. Xa choveu, xa nevou dabondo. É nesta escola na que hoxe pretendo apoiarme para dar contido a histórica frase do titular.
Recén rematado aquel golpe de Estado que outros din guerra civil, cando, en realidade, aquí non houbo guerra de ningún tipo; aquí o que houbo foi unha represión feroz dos quen non estaban dispostos a perder os privilexios e que a República lles puxeran en corentena. Se cito a escola daquel entón é para apoiar a miña idea do titular.
Un mestre, unha mestra, cun ramallete de críos, nalgúns casos chegaban aos cincoenta, aos que tentaba, con mais afan que sorte, abrir os ollos e tentar mostrarlle un mundo novo. Aínda que tan cativo que poderíamos denominar un mundo oscuro, tristeiro, sen alegría. O problema era que aquel mundo novo ao que todos estábamos destinados a chegar viña oscurecido, enchoupado, anubilado pola situación política que se vivía. Nada que ver cos anos anteriores dos tempos da República. Agora os ensinantes tiñan que limitarse ao que sempre se dixo: que nenos e nenas aprenderan a ler e a escribir e, se acaso, as chamadas catro regras.
“Un mestre, unha mestra, cun ramallete de críos, nalgúns casos chegaban aos cincoenta, aos que tentaba, con mais afan que sorte, abrir os ollos e tentar mostrarlle un mundo novo”
Aí non había máis mundo, máis horizonte, máis esperanza. A historia era senón a dos Reis Católicos, a dos romanos que nos invadiran non se sabe ben cando. O que realmente pasara e seguía aínda pasando era tema tabú. Mais que tabú tema tema perigoso. Quen se atrevía a desafiar a fera no seu cubil; que mestre/a ousaba falar do que realmente pasaba no País. Uns homes cuns capotes verdes e unha espingarda ao lombo vixiaban camiños e carreiros. Quedaban perigosos “roxos” que había que exterminar. Ah, o que si se aprendía con intensidade e firmeza era Catecismo do Padre Astete; rezar o rosario…. Todo tiña unha explicación: os “elementos perigosos” que había de exterminar non eran católicos, polo menos non asistían á misa os domingos e festas de gardar.
Aquel mundo triste e escuro, sen horizontes e sen futuro que se puidera divisar en lontananza, foi o caldo de cultivo de millóns de nenos e nenas, hoxe pais e nais de familia e votantes cada certo tempo. Franco aínda respiraba e saía de caza, aínda que lle puxeran as pezas a tiro. Este sinistro personaxe da nosa recente historia que se consideraba dono de vidas e facendas.
Pero se triste era que os nacidos nos anos da posguerra tivéramos qu vivir naquela escuridade educativa e intelectual, mais triste foi e segue sendo que aquela situación, con lixeiros matices que non temos tempo hoxe para describir en profundidade, seguiu no tempo ata practicamente hoxe mesmo. E digo hoxe mesmo con coñecemento de causa. Porque dediquei a miña vida ao ensino e coñezo ben dentro as tripas do sistema educativo. Mellor, do sistema de ensino práctico e utilitario; o de educativo creo que lle queda moi grande.
Eu fixen a carreira de Mestre e outros, con mais sorte, fixeron outras carreiras superiores, aínda que para o tema que nos ocupa foi practicamente o mesmo.
Lembro que cando tiven que facer un campamento do chamado Frente de Juventudes para que puideras aceder ao título de Mestre, uns cantos compañeiros valentes e decididos, todo hai que dicilo, negáronse a levantar o brazo na subida e baixada da bandeira e foron ipso facto expulsados: alí rematou a súa carreira.
Iso que parece unha tontería era, sen embargo, a nota diferencial que marcaba a liña do que se podía ou non podía facer e pensar. O Réxime non aceptaba mestres que pensaran; quería pequenas máquinas que mantiveran o sistema sen sobresaltos.
Obviamente outros fomos mais sumisos e non tivemos as agallas de facer un plante. Qué bonito sería!! Verdade?, rematamos a carreira, deronnos un papeliño que en nome do Xefe do Estado (ou sexa Franco) nos autorizaba para adestrar aos nenos e nenas daquel momento. Nada de ensinar formalmente a pensar e discurrir.
Que movemos nós con aquela escola? Practicamente nada. Se conseguimos espertar nalguns alumnos/as curiosidade suficiente para tentar ir mais aló xa foi todo un trunfo. Nós foramos capados na nosa instrucción como docentes e como cidadáns e seguíamos capando aos nosos alumnos e alumnas.
“Que movemos nós con aquela escola? Practicamente nada”
E así chegamos ao día de hoxe en que nos centros de ensino primario e secundario o corpos de ensinantes segue “asustado” e non se atreve a ir mais aló do que poñen os libros de texto xa adulcorados e manipulados polo sistema. Cecais algún colega que hoxe o ensino resulta ser un elemento decisivo no camiñar cara a una sociedade formada, ceive e rebelde.
Non, iso é mentira. Se así fora as estructuras sociopolíticas que estamos contemplando serían outras moi distintas. Hoxe aínda seguen escribindo en medios estatais dos madriles actuais. Claro que agora fano cun barniz máis definido. Parecen cáseque democráticos.
Pasaron os anos; pasaron cáseque corenta anos de ensino e funme atopar cunha denuncia por facer política na escola nunha aldea de Salvaterra (Leirado). Un pai adoutrinado polo sistema lle indicou ao Director que coidado comigo que estaba facendo política co seu fillo. O meu pecado consistía, como profesor de historia, explicarlle aos alumnos/as o último capítulo do libro que informaba da recente aprobada Constitución Española: as Cortes Xerais, os Deputados, maneira de ser elixidos, das eleccións, etc. etc. Para aquel pai iso era adoctrinamento.
O que pasaba e aínda segue pasando é que as xeracións saídas do Alzamento franquista foron adoutrinadas en que calquera cousa que fale de liberdades e toma de decisións libres resulta perigosa.
Sen embargo eu entendo que era algo mais; era o resultado da falta de cultura social e política daquel pai cando foi a escola ou incluso os que estudiaron algunha carreira ou estudios secundarios. O sistema tiña conseguido que os cidadáns consideraran perigoso para os seus fillos/as o coñecemento do que para a intelectualidade deste país era o menos que se podía facer: coñecer unha Constitución bastante pacata e pouco ambiciosa.
Esta mostra non sería importante se noutros ambientes, nos pobos, nas capitais, etc. os ensinantes estiveran decididos a cumprir co contido da frase do titular: coller a escola e con ela transformar o mundo. Pero non estiveron nin están dispostos a facelo.
Por qué non? Por qué aínda hoxe non o fan, e cada vez menos?
“Hoxe si que temos ‘adoutrinadores’, que non educadores”
Sen embargo hoxe si que temos “adoutrinadores”, que non educadores, entregados en corpo e alma para descubrirlle aos estudiantes destes momentos que todo o que saíu da Constitución foi froito da presión de “roxos libertarios perigosos”. Hoxe hai que revertir eses avances e voltar a UNA GRANDE Y LIBRE nación española. Estes novos “mestres/as da doutrina” non queren transformar o mundo; o que buscan é adoutrinar aos estudantes de tal xeito que o mundo intelectual deles volva aos anos corenta: unha España grande y libre. Vaia se está libre. Eu diría que baleira como a España vaciada.
Asistimos cada día a discusións políticas a nivel de Estado que nos poñen os pelos de punta. Escoitamos a políticos falar de cavar tumbas cando aínda non fomos quen de desenterrar das gabias e dos cemiterios a miles e miles de españoles fusilados e apaleados polo pecado de pensar con liberdade.. Percibimos nos dicursos de certos políticos que non tratan de mellorar a situación dos cidadáns; non lles explican os seus proxectos alternativos como sería normal e necesario. Non; o que intentan meter nos seus miolos é que aos gobernantes actuais hai que botalos, como sexa. Logo xa veremos que facer co País. Están copiando o método Montoro: “vós rematade co País que xa viremos nós a erguelo”. O que temos é un desastre; aínda que a economía sexa a que máis despunta incluso a nivel europeo.
Hoxe, as escolas que poden mover o mundo son substituídas por unha ducia de políticos que teñen unha facilidade extraordinaria para insultar, para mentir, para manipular. Non lles pidan mais. Non pretendan que nos debates políticos da Cámara dos Deputados nos informen dos seus “extraordinarios” programas de goberno que nos van salvar a todos. Non sabemos ren que pensar facer coa Sanidade, coas Pensións, co Ensino, etc.
Non. Nin as escolas, nin os medios de comunicación tóxicos que sufrimos neste País están por informar e formar cidadáns. Ese non é o norte que os guía nestes momentos. Aquí e agora a prensa canallesca que invade este País está esperando como auga de maio dispor dos Orzamentos do Estado para engordar a súa conta de beneficios. O demais xa o virá por añadidura.
“Nin as escolas, nin os medios de comunicación tóxicos que sufrimos neste País están por informar e formar cidadáns”
Entramos no outono. Moitos froitos caen das árbores. As castañas son o referendo destas datas. Fagan magostos; coman castañas asadas e viño con mel. Pranten castiñeiros para o futuro. Se non temos “información que nos alimente o espíritu” polo menos que teñamos productos sans que nos alimenten. Tamén de pan vive o home, non?
Sexan felices se poden. E senón protesten aínda que pouco caso lles van facer.