Curso “Fibranzas. Laboratorio das fibras vexetais” en Chantada

Acción formativa para a divulgación de oficios artesanais

Chantada | Un novo curso de “Fibranzas. Laboratorio das fibras vexetais”, iniciouse en San Cristovo de Mouricios, no Concello de Chantada. Asistiron o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro.

Trátase dunha acción formativa centrada na divulgación e transmisión dos oficios artesanais vinculados ás fibras vexetais, que se enmarca no programa pioneiro Aprender da tradición. Oficios e técnicas, impulsado pola Xunta desde 2023 co obxectivo de fomentar a remuda xeracional no sector artesanal galego, poñendo en valor o seu papel como vertebrador do territorio e elemento clave na fixación de poboación no rural.

Arte contemporánea e fibras
Unha produción artística é o curso impartido pola artista Sonia Navarro en colaboración con Idoia Cuesta, que pecha o terceiro dos catro módulos de Fibranzas. Laboratorio das fibras vexetais. Esta iniciativa promove a divulgación e transmisión dos oficios vinculados á cestería e ao traballo con fibras vexetais, contando coa participación de cesteiros, deseñadores e artistas que abordan o proceso completo: dende a recolección das fibras ata o deseño de produto, a produción artística e as técnicas tradicionais.

Este terceiro módulo, centrado no deseño de produto e na produción artística, deu comezo no mes de xullo cunha formación sobre arte da paisaxe a cargo dos creadores daneses Jette Mellgren e Jan Johansen. O cuarto e último módulo estará dedicado á cestería de colmo, unha técnica tradicional de cosido en espiral que emprega talos de palla de centeo e trigo, así como outras especies vexetais como xesta, piorno ou liño, para elaborar obxectos con fonda raíz no mundo rural. Esta formación terá lugar os días 15, 16 e 17 de outubro e será impartida por Álvaro M. Leiro, Premio Nacional de Artesanía 2023. O peche do curso será os días 25, 26 e 27 de novembro da man do deseñador Miguel Leiro, que acompañará as persoas participantes no deseño de obxectos e na creación de prototipos dunha colección baseada nas técnicas aprendidas.

Aprender da tradición
Aprender da Tradición. Oficios e técnicas é un programa formativo pioneiro en España, impulsado pola Xunta de Galicia a finais de 2023 co obxectivo de garantir a remuda xeracional no sector artesanal galego. Esta iniciativa estratéxica aposta pola artesanía como elemento vertebrador do territorio e como factor clave na fixación de poboación, especialmente no ámbito rural.

O programa persegue varios obxectivos fundamentais: capacitar os artesáns e expertos para que poidan transmitir os seus coñecementos, facilitar a formación de novas xeracións interesadas nos oficios tradicionais, fomentar a comercialización dos produtos elaborados por artesáns locais, sensibilizar a sociedade sobre a importancia da súa conservación, visibilizar os procesos vinculados aos saberes tradicionais e consolidar un sector artesanal competitivo que reúna todo o talento galego.

A iniciativa artéllase arredor de dúas liñas de actuación: a primeira está centrada na remuda xeracional e dirixida á captación de novos perfís para o sector, proporcionando formación práctica e especializada que recolle a transmisión directa de coñecementos, ao estilo tradicional de aprendizaxe nos obradoiros. Deste xeito, fórmase unha nova xeración de profesionais cunha base sólida nos oficios artesanais, garantindo a continuidade e a vitalidade do sector como motor cultural, económico e turístico de Galicia.

A segunda liña está enfocada na capacitación e profesionalización dos artesáns xa en activo. A través da formación especializada, búscase mellorar a calidade dos produtos finais, abrir novas oportunidades de mercado e revalorizar o proceso artesanal como parte esencial dun produto de calidade, poñendo en valor o saber facer tradicional como patrimonio vivo e competitivo.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.