Cumprir a axenda de liberdades do pacto de investidura.

Sobordada xa a metade dunha lexislatura estatal da que ninguén coñece o termo da súa vixencia, cómpre albiscar os contidos absolutamente comúns a toda a maioría de investidura; é dicir, onde non hai ou seica non haberían existir diverxencias, O veto de Podemos á transferencia das competencias de inmigración a Cataluña (competencias que habería ter tamén Galicia se queremos previr a xeito riscos e problemas actualmente existentes na Cataluña e noutros países e territorios do Estado e da Europa) e as diverxencias en determinadas políticas sociais poñen o foco: 1) na obriga do Goberno do Estado en restaurar esta confianza e 2) na súa obriga de cumprir a axenda de liberdades, pertencente tanto aos seus programas de goberno de 2015, abril de 2019, novembro de 2019 e xullo de 2023 como aos pactos de investidura de xaneiro de 2020 e outono de 2023.

Por unha banda , o PSOE incumpriu a derrogación prometida dos preceptos “mordaza” da Lei Orgánica de Seguranza Cidadá. Pedro Sánchez, tanto como candidato do PSOE en 2015 como xa presidente, prometeu en diversas ocasións a derrogación da “lei mordaza” (aprobada polo PP en 2015). Esta derrogación non se levou a efecto. Malia que se lle deu pulo á reforma desta lei (compromiso da coalición PSOE-Unidas Podemos e pactos con outros socios), non se conseguiu un consenso entre as forzas progresistas e decaeu a súa tramitación en lexislaturas anteriores ou quedou pendente. Os socios de goberno criticaron ao PSOE por non cumprir con este compromiso ou por bloquear a reforma.

Por outra banda, canto ás reformas do Código Penal (CP), van máis de sete anos de goberno de Sánchez sen derrogar a pena de cárcere perpetuo chamada dende a meirande contradición terminolóxica prisión permanente revisábel (imposta polo voto exclusivo da maioría absoluta do PP en marzo de 2015). Unha promesa que xa estaba na axenda lexislativa da investidura de xaneiro de 2020. Tampouco foron cumpridas outras derrogacións pendentes ou pactadas, como outros tipos penais desaqueladamente desfasados ou limitadores da liberdade de expresión,. como os delictos contra os sentimentos relixiosos ou as inxurias á Coroa e ás altas institucións do Estado. Desaparecidos hai tempo das lexislacións penais europeas.

“O incumprimento desta axenda de liberdades non é atribuíbel nin a JuntsxCat nin a Podemos .É da responsabilidade exclusiva dun Goberno do Estado”

O incumprimento desta axenda de liberdades non é atribuíbel nin a JuntsxCat nin a Podemos .É da responsabilidade exclusiva dun Goberno do Estado que faría ben en identificar os contidos factíbeis do vixente pacto de investidura para ampliar as liberdades democráticas, derrogando lexislacións restritivas dos dereitos impostas no seu día por un PP que xa acubillaba entón unha alma claramente reaccionaria. Do mesmo xeito que o PSOE acertou coa derrogación do delicto de sedición e aquelamento do perímetro do delicto de malversación de fondos públicos para adaptalos aos estándares europeos, as reformas adiadas son tamén precisas para enfrontar unha actualización lexislativa que nos poña en liña coas lexislacións demoliberais máis avanzadas da Europa e coa propia sensibilidade cidadá.

Quizais sexa tempo-para todo/as- de menos laios e máis acción neste senso. Tempo dispoñíbel hai cada vez menos.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.