Cumprense 150 anos da publicación do “Tío Marcos d´a Portela”

Roteiro e homenaxe a Valentín Lamas Carvajal en Ourense

Ourense | O Consello da Cultura Galega organizou un roteiro conmemorativo dos 150 anos da aparición do “O Tío Marcos d’A Portela”, o primeiro xornal redactado íntegramente en galego, dirixido por Valentín Lamas Carvajal. Coincidiu coa data exacta en que viu a luz o número un e co Día dos Medios en Galego, organizado pola Asociación de Medios en Galego (AMEGA) o día 6 de febrero.

A camiñada iniciou no cemiterio de San Francisco, onde se realizou unha ofrenda floral diante da tumba de Lamas Carvaja, e continuou cara ao centro nun itinerario de memoria civil e literaria. Entre as paradas figuraron a praza do Correxidor, o Xardín do Posío e a Praza Maior, puntos que axudan a reconstruír a relación do escritor coa cidade na que deixou unha fonda pegada.

O roteiro rematou no Liceo coa música como peche simbólico: un concerto da Coral de Ruada que deu paso a un xantar popular, convertendo a conmemoración nun encontro participado e festivo. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia difundiu un chamamento a “dar pasos valentes” para asegurar o mantemento do xornalismo en galego, reclamando ás administracións e ás direccións dos medios un modelo de apoios e prácticas que evite que a información nesta lingua fique no anecdótico.

Intervencións
Lamas Carvajal “Usou a escrita como unha ferramenta de intervención pública, ao servizo do pobo de Galicia, da súa identidade, da súa cultura de fondo, de raíz popular”, expresó la presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez.

“Vivimos nuns tempos nos que a presenza e o prestixio do do galego é moito maior, grazas xustamente a persoas que, coma el, conquistaron terreos que parecían vetados para esa lingua que se entendía campesiña e do fogar, pero para o que el, entre outros, loitaron para conseguir espazos de prestixio, pero pola contra, estamos a perder os niveis de uso”, segundo a académica da Real Academia Galega (RAG), María López Sández.

Entre os asistentes a homenaxe estivo Manuel López-Rivadulla Lamas, bisneto de Lamas Carvajal e catedrático na Universidade de Santiago. “Para a nosa familia, este recoñecemento supón tamén unha reafirmación do valor humano de ‘Don Valentín,’ do home comprometido, do observador atento da realidade social, do creador que soubo dar voz a quen non sempre a tiña”, destacou López-Rivadulla.

O roteiro estivo guiado por Alfonso Vázquez Monxardín, que foi debullando diferentes episodios da biografía de Lamas Carvajal e demais anécdotas, acompañado pola música de gaiteiros. Na foto Manuel López Rivadulla Lamas, bisneto de Lamas Carvajal.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.