Ourense | A Xunta de Galicia destinará o vindeiro ano 2,8 M€ para levar a cabo actuacións de restauración na Catedral de San Martiño de Ourense. Esta estas actuacións, impulsadas ao abeiro do Plan catedrais de Galicia, elevan o investimento feito neste ben ata os 6,3 M€ desde o ano 2009. No marco do compromiso da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude cun dos principais templos do Camiño de Santiago, actualmente están en licitación os traballos para restaurar o ciborio interior e dotar o dito elemento dunha nova iluminación.
O obxectivo desta actuación, dotada con máis de 315.000 €, é, logo dos resultados obtidos durante a fase de estudo previa, resolver as patoloxías relacionadas coas filtracións de auga e os problemas de humidade que afectan o ben. Así mesmo, buscarase pór en valor este espazo e permitir o uso litúrxico no prebisterio mediante a reordenación da cablaxe e a instalación dun novo sistema de luces.
Para conseguilo, actuarase nos paramentos con tarefas de saneamento e limpeza, eliminación de xuntas deterioradas, renovación do rexuntado, reparación de fendas, fixación de desprendementos ou consolidación e reintegración en zonas concretas. Ademais, están previstos a revisión e o control estrutural no primeiro tramo das naves, a mellora da toma de terra do pararraios e a substitución do pavimento da zona do altar e a limpeza das fábricas interiores da torre do reloxo. Por outra banda, nos vindeiros meses, iniciarase o procedemento administrativo para contratar a redacción do proxecto para reparar as cubertas na torre de San Martiño, nas naves, no cruceiro e no arquivo.