• Segue conectado
  • |

A cuestión catalá e Galiza.

Os partidos soberanistas obtiveron a maioría absoluta nas eleccións catalás, cun 47,5% de votos e 70 escanos sobre 135. O resultado é aínda máis rechamante se temos en conta que a convocatoria electoral dende o Goberno do Estado era ilexítima , por mor dunha inconstitucional aplicación do 155 e que os partidos non desfrutaron das mesmas posibilidades, cos principais candidatos de Junts x Catalunya e ERC no cárcere ou no exilio.

Mais o feito de obter Cs o primeiro posto en votos (máis do 25%) e escanos, a falta dunha maioría absoluta de votos independentista e a grave derrota da CUP (que baixa de 10 escanos a só 4) achega certas particularidades a esta vitoria electoral. Junts x Catalunya e ERC non van precisar deles para gobernar e interpretarán o seu 43% de votos (fronte ao 39,5% de Junts x Si do 2015) no sentido dun mandato cidadá para continuar co procès, malia que afastándose dunha vía unilateral que semella arquivada polo de agora.

Agora é, pois, a hora da política. O tripartito dinástico do 155 non continuará unido como até de agora. O PSC-e canda él o PSOE-han pasar páxina da suicida colaboración co PP e con Cs e buscar un espazo propio, quizais partillado parcialmente cuns Comúns desterrados á irrelevancia. E será Pedro Sánchez quen primeiro requirirá de Rajoy unha oferta de negociación. Por outra banda, a situación evoluirá no ámbito da Unión Europea, onde as simpatías do soberanismo catalán cotizarán á discreta alza, sendo probábeis as presións ao Goberno do Estado para que abandone o inmobilismo e abra unha negociación para unha reforma constitucional en termos de federalismo asimétrico, para garantir o encaixe da singularidade catalá.

Podería ocorrer, xa que logo, que este inverno se abrise a vía para negociar unha reforma constitucional que podería limitarse a recoñecer máis competencias (e blindalas de eventuais iniciativas recentralizadoras) e un mellor financiamento ou incluir tamén a vía para un referéndum catalán vencellante, con regras máis ou menos ríxidas, na liña da lei da claridade canadiana.
Galicia non habería ficar á marxe desta reforma constitucional. Porque a ampliación e blindaxe do autogoberno é a única vía factíbel para o noso benestar, tendo en conta que os nosos intereses económicos non adoitan coincidir cos intereses economicos xerais.


Advogado. Colabora en varios medios galegos.
Publicado o 25 Dec 2017.
AVISO: Esta entrada ten máis de seis meses dende a súa publicación. É posible que o contido esté desactualizado.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies