Cronista oficial de Ourense

 

Manuel Riego Nieto | Dende que finou Anselmo López Morais, vello e benquerido amigo, a cidade de Ourense non ten Cronista Oficial. Eu coido que é necesario que exista. Que vaia rexistrando nun libro o acontecer cotián.

Gábome de ser quen propuxo, logo do pasamento de don Vicente Risco, a don Ramón Otero Pedrayo como Cronista Oficial da cidade. Presentei no Concello unha moción no noso idioma (coido que a única en galego durante a dictadura), a favor do mestre de Trasalba. Foi aprobada por unanimidade.

Naquil intre había un grupo de intelectuais que promocionaban pra o posto a don Eduardo Blanco Amor, tamén, como don Ramón, bo amigo meu. Mais eu considerei que o noso mestre de Trasalba (cando falaba, toda Galicia púñase a escoitar), era o máis indicado, e decanteime por el.

E lembro que fumos, o daquela alcalde David Ferrer Garrido e mais eu, á súa casa na rúa da Paz a entregarlle o acordo do pleno. Don Ramón, co me unía unha boa amizade dende xa había tempo (“Eu son liberal e o Rego é Carlista”, dixera nunha homenaxe que me tributou o Orfeón “Unión Orensana”), díxonos, mentres dona Fita, a súa dona, nos servía como sempre facía unhas copas de Oporto: “Esquécense vostedes de me traer unha pluma de ave pra escribir de cotío”.

Agora levamos anos e máis anos nos que as diferentes corporacións municipais teñen vacante o posto de Cronista. ¿A que agardan? Pois sinxelamente non o sei, amabeis lectores.