Crónica dun Reality Show supremacista.

Tras un casting, 20 patriotas españois foron recrutados para participar nun reality show único. Días despois, nun lugar calquera do inmenso Sahel, cadros dirixentes de organizacións como Vox, Partido Popular, Mepreokupa, Rexemento Nacional, Bastión Patriótico, Círculos Blas Piñar, Cruz Nacional Falangista e Movemento Sionista, foron arroxados dende un helicóptero coa misión de retornar á patria.

O periplo ía ser longo e perigoso, mais nada que non puidesen afrontar estes cruzados en defensa da raza e da cultura, dispostos a derramar a última gota de sangue por unha patria que, no seu delirio supremacista, se esfarela invadida de negros, amarelos, moros, sudacas, paquistanís e chineses… Todos, sen excepción, delincuentes e agresores sexuais que, tras esquilmar os seus países e violar as súas mulleres, veñen a España a sementar o caos. No estudio de televisión, os seus colegas serían os encargados de alentalos inxectándolle odio a modo de combustible pensando que lles daría forza suficiente para cruzar nadando o estreito, xa que facelo en patera sería indigno.

Musculados, tatuados con simboloxía nacionalsocialista, prestos para a batalla e coa misión de chegar a un punto indeterminado da Península Ibérica, comezaron o ascenso en Burkina Faso. Coa valentía que os caracteriza cando van en manada, marcharon os primeiros días entre cánticos e o ondeo de bandeiras das distintas células ás que representaban. Pero non tardarían en comezar os problemas ao cruzar ilegalmente a Malí.

“Musculados, tatuados con simboloxía nacionalsocialista, prestos para a batalla e coa misión de chegar a un punto indeterminado da Península Ibérica, comezaron o ascenso en Burkina Faso”

A Dani Mepreokupa e a catro membros do Rexemento Nacional capturounos unha organización de traficantes de órganos. Ningún deles chegou á meta, pero os que si conseguiron cruzar o estreito nun jet privado foron os seus corazóns, fígados, riles e pulmóns. A basura humana non pregunta se os órganos son dun negro ou dun magrebí cando merca vísceras. Ao fin e ao cabo, por dentro somos todos iguais. Se nos desen a volta á pel, non quedaría rastro de raza.

A panda patriótica, asustada e reducida en número, continuou a marcha. Cruzar Mali e o seu clima extremo foi un inferno. Nun de tantos atracos a supermercados para conseguir alimento, catro membros da Fronte Patriótica e tres do Partido Popular, foron capturados por unha banda de mercenarios que subasta as súas presas en mercados de escravos para seren explotados nas minas de ouro. Deles nada se volveu a saber. Os oito restantes, entre os que se atopaban tres mulleres, conseguiron escapar. O escuadrón quedou reducido e, a partir de aquí, comezou o calvario.

Mentres, dende o estudo de televisión, os camaradas comezaban a sentirse incómodos vendo como dous líderes da Cruz Nacional Falangista, xemendo como cadeliños famentos cando buscan a teta da súa nai, imploraban ao público ser nominados para abandonar a aventura.

A travesía ao longo de Mali foi humillante. A patria enteira foi testemuña de como, para sobrevivir, pelexaban entre eles por un anaco de pan. De como lle pedían alimento ás diferentes tribos coas que se ían atopando. De como nunha aldea berebere foron invitados a sentarse para cear ao redor dunha perola. De como o ansia por seguir vivos fixo que acabaran axeonllados rezando cara á Meca. De como prostituíron as tres compañeiras de Bastión Patriótico para conseguir cartos e continuar a viaxe por Arxelia.

Xa en Marrocos a travesía complicouse aínda máis cando foron secuestrados por yihadistas. Os drons, que utilizaba o programa, captaron o momento no que os interceptaron mentres cruzaban un río. A pesares dos choros e as súplicas non evitaron os golpes e as patadas.

O cativerio durou catro días, os que lle levou a Perro Sánchez chegar a un acordo co Estado Islámico, logo de recibir un escrito que as organizacións políticas participantes no reality asinaron de forma conxunta para que este mediara na súa liberación.

“Despois deste incidente, a organización do reality show decidiu suspender o concurso polo duro das condicións”

Despois deste incidente, a organización do reality show decidiu suspender o concurso polo duro das condicións e o goberno español enviou o Falcon para traelos de novo á patria.

O recibimento dos líderes superviventes non foi glorioso nin o soñado por eles nin polos seus correlixionarios. Foran alimentados por negros, alxerinos e marroquís. Durmiran nas súas casas. Acompañáronos en tramos complicados. Curáronlles as feridas, as queimaduras do sol e rezaron por eles. Aínda así, algúns berraron: “¡España cristiana, nunca musulmana!” “¡Moro bueno, moro muerto!”.

Mestre no CEIP de Salvaterra de Miño.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.