“Cristina Fernández, a mellor alcaldesa agora e no futuro”

Roberto Mera Covas | Segundo tenente de alcalde do Concello de Ponteareas

Ponteareas | Días pasados a cidadanía celebrou un acto na memoria do primeiro alcalde nacionalista do Concello de Ponteareas, Xosé Represas. Falamos con Roberto Mera, concelleiro e amigo do difunto.

Pola estreita relación política e persoal co homenaxeado alcalde difunto, díganos  que  representou o ex-alcalde Represas  na vida política de Ponteareas?
Sen dúbida representou un antes e un despois en todos os aspectos: dende o punto de vista histórico, pois a dereita viñera gobernando de forma ininterrumpida en Ponteareas dende 1936 até que Represas acadou a alcaldía converténdose ademais no primeiro alcalde nacionalista da nosa historia; dende o punto de vista democrático, pois as formas democráticas implantáronse no Concello non en 1978 senón coa chegada de Represas á alcaldía e dende o punto de vista da xestión porque con el chegou a capacidade, a competencia e a planificación ao concello que se evidenciou co seu saneamento económico e saída da bancarrota en apenas 4 anos e a redacción dun plan estratéxico para transformar Ponteareas que foi recoñecido pola Unión Europea cun investimento de 5 millóns de euros. E por suposto, a chegada de Represas deu sentido a un longo traballo feito dende había varias décadas por unha forza política, o BNG, a quen ninguén lle regalou nada e que grazas ao esforzo de moitas persoas que formamos parte deste proxecto, pasamos da marxinalidade absoluta a comezos dos anos noventa a gobernar e ser a forza con máis apoio social en Ponteareas.

“A chegada de Represas deu sentido a un longo traballo feito dende había varias décadas por unha forza política, o BNG, a quen ninguén lle regalou nada”

Os que coñecemos todo o proceso levamos tempo preguntando por qué na penúltima lexislatura Vde. se apartou e propugnou que Pepe Represas fora o numero 1?
Entre 1995 e 2007 fun candidato á alcaldía do BNG; nese período o nacionalismo en Ponteareas pasou de pouco máis de 300 votos a máis de 3.600, multiplicando por dez os seus apoios. Porén, liderar a oposición durante máis de 16 anos supón un desgaste moi grande, non só persoal, senón tamén política e socialmente, logras moitas adhesións pero tamén moitas aversións. Para dar o salto e ser hexemónicos, logrando o apoio dunha maioría social era necesario que o proxecto estivera liderado por alguén que non crease rexeitamento nunha parte da poboación. Xosé Represas representaba claramente ese perfil e o tempo demostrou que aquela decisión foi un acerto, non só para min persoalmente, porque me permitíu atender outras cuestións do meu proxecto vital coma a miña carreira profesional, senón tamén e sobre todo, para Ponteareas, porque marcou o inicio do cambio que hoxe desfrutamos no noso concello.

“En 2023 estou seguro que o BNG proporá e os ponteareáns elixirán alcaldesa a Cristina Fernández Davila, teño moi claro que é o mellor para Ponteareas”

Hoxe que xa non está, pensa, en honor da súa amizade, presentarse  nas vindeiras eleccións para ocupar o posto de Alcalde que “o seu protexido” (permítame a expresión) Represas ven de deixar?
En ningún caso. En 2023 estou seguro que o BNG proporá e os ponteareáns elixirán alcaldesa a Cristina Fernández Davila, teño moi claro que é o mellor para Ponteareas, como xa se está constatando na actualidade coa súa enorme capacidade de traballo e coñecemento profundo do Concello logo de tantos anos traballando man con man con Pepe Represas. Por outra banda, eu estou no goberno porque Represas considerou en 2019 que era bo para o proxecto que participara na candidatura para contribuir a lograr un maior apoio electoral e para axudar no goberno na medida das miñas posibilidades. Aceptei sen dubidalo o ofrecemento de Pepe porque era unha obriga moral con el e co BNG. Pero non forma parte do meu horizonte persoal aspirar a ser alcalde, non é a vida que quero para min no futuro.

Vde. ven de convocar aos cidadáns para darlle a coñecer o que o Goberno actual pretende conseguir cos cambios introducidos nas infraestructuras da vila, sobre todo. Cre que o van entender?
Somos un goberno comprometido coa democracia real, non só formal e que demostramos día a día, con continuos procesos participativos, que aínda que asumimos a nosa responsabilidade de gobernar e de levar a cabo o noso programa de goberno tamén damos a palabra á veciñanza para coñecer as súas ideas, as súas opinións e os seus desexos para que, na medida que sexan compatíbeis co noso programa que recibíu un apoio maioritario, enriqueza a nosa acción de goberno. Non se trata de entender ou non entender, non somos déspotas ilustrados; trátase de implicar na nosa acción de goberno a todas aquelas persoas que comparten o noso modelo de Concello para o futuro de Ponteareas e tentar atraer a aqueles que non o compartiron até hoxe.

“Somos un goberno comprometido coa democracia real, non só formal e que demostramos día a día, con continuos procesos participativos”

Falando disto, non pensou en propugnar un servizo aos clientes ofrecéndolles a posibilidade de que unha brigada de xoves e non tan xoves puidera levar as compras dos cidadáns dende os supermercados e dende a Praza de Abastos ata os respectivos aparcadoiros? (Fágolle esta pregunta pola mágoa que me produciu ao ver dos anciáns cargados con varias bolsas dende o Gadis ata  o aparcadoiro do Sportivo)
En realidade ese é un servizo que xa prestan hoxe en día todos os supermercados. Calquera persoa pode facer a súa compra nun supermercado -ou tamén por internet- e solicitar que lla leven a casa. Polo tanto non é imprescindíbel que ninguén vaia cargado até o coche cunha compra dun supermercado. En todo caso, o noso modelo de mobilidade permite que os vehículos entren nas zonas restrinxidas ao tráfico cando se trata de cargar ou descargar obxectos que polo seu volume ou peso non poden ser transportados a pé.

Este xornal  ofrécelle a oportunidade de engadir algo máis que entenda pode  interesar aos nosos lectores.
Simplemente aproveitar a ocasión para agradecerlles e felicitalos a vostedes polo seu traballo de información local que é fundamental nunha democracia.

Grazas por atendernos. Outro día cando estean máis próximas as eleccións e os actuais cambios urbanísticos estexan rematados, voltaremos falar con Vde. con máis calma.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»