“Cremos que Santiago perdeu peso político e institucional”

Agustín Hernández | concelleiro do PP en Santiago de Compostela

Agustín Hernández chegou á alcaldía de Santiago de Compostela logo de que o seu predecesor, Ángel Currás, dimitise. Hernández aterrou en Raxoi nun momento convulso para o PP compostelán que no 2015 perdeu a alcaldía nas eleccións municipais. Agora desde o seu posto como voceiro do principal grupo da oposición, considera que as políticas de Compostela Aberta e o seu alcalde, Martiño Noriega, non son as idóneas para a capital galega.

-Cal é a valoración que fai dos dous anos de goberno de Compostela Aberta?
-Todos os que estamos na oposición ao goberno en minoría, facemos unha valoración desde a nosa realidade. Pero tamén tentamos facer unha análise obxectiva de se a cidade está mellor ou peor, se mellorou ou non a xestión e se hai proxectos novos. Respondendo a estes puntos, chegamos á conclusión de que a cidade segue nunha inercia na administración e que funciona, non necesariamente, baixo a dirección dun poder político. Por tanto, esa inercia administrativa segue funcionando.

Os problemas que escoitamos da cidadanía cando temos xuntanzas, son os mesmos que escoitabamos cando estabamos no goberno e mesmo de anos anteriores. E así, a valoración que temos destes dous anos é que foron dous anos perdidos, dous anos baleiros dos que creo, obxectivamente tamén, na primeira parte do mandato o goberno local acusou de maneira moi clara a falta de experiencia. O goberno municipal tamén tivo problemas respecto á súa posición en minoría, cousa que ten consecuencias no momento de aprobar iniciativas como a da súa impositiva que pretendeu ao principio do mandato e que nós, co PSOE, impedimos que se levara a efecto. Identificamos estes dous anos como perdidos para a cidade, coa gravidade de que nós recoñecemos que no 2015 houbo un cambio radical, houbo unha oportunidade no sentido de que emerxeu unha forza política nova, sen experiencia e que pretendía mudalo todo, segundo as súas palabras. Nós cremos que logo de dous anos non mudou case que nada. Na nosa opinión.

-Desde a súa perspectiva como concelleiro, era necesaria a intervención que houbo no desaloxo realizado no Centro Social Escarnio e Maldizer?
-Nós non valoramos unha cuestión que está fóra do debate político. O que aconteceu foi un longo proceso xudicial, impulsado por un propietario lexítimo que veu ocupada a súa propiedade, xa ocupada na última parte do mandato do PP. O propietario reclamou os seus dereitos, houbo un procedemento e orde xudiciais, que indicaban unha actuación con extrema dilixencia e cunha total discreción. A policía apoiou o operativo necesario para executar unha decisión xudicial. A partir diso, creo que houbo unha primeira parte da actuación do goberno de Compostela Aberta, que tentou xustificar a ocupación dunha propiedade privada e tentou estigmatizar accións da policía que estaba cumprindo un mandato xudicial. Pero despois houbo unha clara rectificación por parte do goberno local ao recoñecer que o acontecido foi levar adiante un mandato xudicial, de acordo cunhas instrucións claras cunha reserva das actuacións, porque iso tamén é importante que o saibamos. Era unha actuación feita coas ferramentas que determina o estado de dereito para cumprir unha sentenza xudicial.

-Pero desde a súa posición, non considera necesaria unha nova maneira de xestionar a vivenda baleira na cidade, que eses inmobles non acaben sendo locais de ocio ou hoteis?
-Obviamente a administración non ten que confiscar nin conculcar o dereito á propiedade, un dereito recollido na Constitución. O que deberían facer as administracións é impulsar medidas que permitan facer máis atractivo o casco histórico e mesmo o ensanche. É certo que temos un problema na cidade con respecto a vivendas baleiras. O concello debera bonificar as persoas que decidan libremente vivir no casco histórico, impulsar accións por parte do Consorcio, para bonificar a rexeneración urbana no casco vello, facilitar o pagamento e apoio económico ás persoas que viven no casco urbano. Hai persoas que visibilizan o casco urbano como un lugar onde, no centro viven persoas privilexiadas, pero tamén no casco histórico hai persoas que non contan con rendas e con problemas económicos. Outro punto a tratar polo concello, na miña opinión, sería habilitar un plano especial realista e axustado ao século XXI.

-Como sería ese plano?
Aproveitaría o plano vixente, que xa é vello. Nós no último ano de goberno deixamos adxudicada a redación do novo Plano Especial, e creo que o goberno de Compostela Aberta está enleando a tramitación dese plano, cunha suposta participación cidadá. Cremos que a participación cidadá está ben, pero cremos que o Plano Especial é un documento técnico e urbanístico que segue un procedemento establecido na lei do solo. O que ten que facer o goberno é redactar unha diagnose dos problemas no casco vello. Neste tema temos unanimidade, a saturación de locais de ocio e persoas, hai ausencia de alternativas diferentes para os turistas que non sexa o Obradoiro, Fonseca, Toral e Praterías. Santiago é atractivo na Cidade da Cultura e nos parques por exemplo.

Tamén o medio rural, mediante unha iniciativa, Área Santiago, na que estaban un conxunto de concellos da bisbarra de Santiago. Fíxose porque cremos que Santiago non só é a catedral. Niso entraba a extensión do tren turístico pola zona do Sar, unha iniciativa dos gobernos anteriores pero que Compostela Aberta abrirá este verán.

-No caso das peonalizacións, estima que son oportunas?
-Nós cremos nunha cidade máis saudable e máis sostible. Por tanto, as peonalizacións considerámolas positivas. Pero cremos necesario primeiro unha diagnose da cidade, segundo, plano de mobilidade, con carácter xeral e logo puntual. Feita a diagnose e o plano, hai que compartir eses datos cos colectivos da cidade e as fozas políticas. Logo facer unha proposta. Nós criticamos a forma de facer as cousas deste goberno. Decidiu dun día para outro peonalizar San Pedro, obviamente San Pedro está mellor sen vehículos, pero é unha peonalización feita a medias. Pois os criterios restritivos estanse a aplicar de maneira discrecional.

Cando pechas un vial, os vehículos son reasignados, pero esa reasignación deberíase facer logo dunha análise, de dar alternativas para non crear o malestar que hai na Facultade de Económicas e en colectivos comerciais, que visualizan esta ausencia de diálogo.

-Por que cre que se falou tanto do firme das rúas, calzadas, etc., nos últimos dous anos?
-Aínda que Santiago mellorou algo grazas a ese millón de euros habilitado por este goberno, é certo que hai un ano a cidade estaba nunha situación tremendamente deteriorada. É certo que iso non é novo. Na miña opinión existen dous puntos, moitas desas zonas non foron urbanizadas hai trinta ou corenta anos, senón entre quince e cinco anos. Resulta sorprendente ese deterioro tan rápido. Habería que facer unha reflexión, ademais dunha diagnose, para crear un plano de rexeneración e recuperación do entramado viario de Santiago.

É certo que no seu momento, o goberno bipartito de Santiago decidira aceptar unha cesión de viais, como o Cruceiro da Coruña ou a vella estrada ao aeroporto. Viais que foran aceptados polo concello sen que o ministerio adoptara as necesarias reparacións para deixalos en condicións. Creo que aquilo foran unhas negociacións prexudiciais para a cidade. Agora non podemos laiarnos e debemos incluir eses viais na diagnose para unha actuación sobre eles. Tamén petar nas portas da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia, porque o custe desas actuacións superan as capacidades do concello.

-Falando da Xunta de Galicia e o concello, como ve as relacións entre estes dous organismos?
-Protocolariamente son correctas. Estamos satisfeitos porque existen amplos espazos onde as dúas institucións traballan conxuntamente, como ese plano de reindustrialización para incrementar o peso do sector produtivo e non só do turismo. Lamentamos que nalgún momento que o goberno de Compostela Aberta pón por riba dos intereses da cidade, intereses partidistas como aconteceu recentemente na folga do transporte.

-Será vostede cabeza de lista nas municipais de 2019 e cales serán as liñas mestras do seu grupo nestes dous anos?
-Ser o cabeza de lista depende dos órganos correspondentes do partido. De aquí ao 2019 o Grupo Popular vai traballar para coñecer a cidade, trasladar un proxecto ilusionante para recuperar o sentimento de capitalidade e o orgullo de ser santiagués. Cremos que Santiago perdeu peso político e institucional. Desde logo, nese sentido, desde o PP temos que asumir erros nosos no mandato 2011-2015. Pero a cidade foi perdendo presenza e peso case desde o 2007.

-No caso de poderen gobernar sen ter a maioría absoluta con quen estarían dispostos a pactar?
-Traballamos para ter unha maioría suficiente, pero non dubidamos en que se os cidadáns de Compostela nos dan un número de concelleiros suficientes para a maioría absoluta, coa mesma lexitimidade que o señor Noriega está dirixindo un goberno en minoría neste mandato, nós reclamaríamos o mesmo dereito que tivo el no 2015 para conformar un goberno. E desde o minuto un buscariamos a estabilidade que permitise a gobernabilidade de Compostela. Non pechamos as portas a ninguén.

Nado en Xove. Redactor en medios online, gabinetes de prensa, campañas electorais e bolseiro en medios radiofónicos. Desenvolvemento de proxectos web municipais e posicionador SEO. Blogueiro, community manager e investigador.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!