Covelo arranxa os tramos da Vía Mariana Luso Galaica

Co desbroce nos pasos de Lourido e As Pereiras

O Covelo | O Concello de Covelo continúa cos traballos de limpeza e mantemento das cinco rutas municipais de sendeirismo, dos dous tramos da Vía Mariana Luso Galaica ao seu paso polo concello e daqueles puntos de especial interese turístico e patrimonial.

Nestes días o Concello traballa no desbroce dos pasos de Lourido e As Pereiras, lugares moi visitados polos turistas e zonas ás que acude moita veciñanza a gozar da sombra e do baño no río. Para que todo o mundo poida apreciar o noso patrimonio histórico e cultural xa realizaron limpezas de maleza na ponte romana de Fofe e na capela e fonte de San Xoán Mosteirom tamén nas ruínas da antiga igrexa románica e convento de Casteláns, no lavadoiro de A Hermida, nos muíños de Portafurado e Fonte de A Pereiriña en Barcia de Mera, carballeira e casa do pobo de A Guía de Piñeiro, Serradoiro dos Carranos ou pasos de Transfontán en Maceira, entre outros puntos.

Tamén se manteñen limpas as rutas de sendeirismo, AQUA, Carranos, Poza Piñeiro, Foxo do Lobo e San Xoán Mosteiro, ademais dos dous tramos da Vía Mariana Luso Galaica ao seu paso por Covelo, A Franqueira- Covelo e Covelo-Estacas.

Concerto da Orquestra Sinfónica de Galicia
O Ciclo de Música Relixiosa de Barcia de Mera ofrece o seu sexto concerto este venres día 25. Aínda que, de xeito excepcional, mudan de sábado para venres o horario será o mesmo, ás 20 horas na igrexa de San Martiño de Barcia de Mera. Este cambio de día fará posible que unha das agrupacións orquestrais de maior proxección en España actúe nesta parroquia de Covelo. O público do Ciclo de Música Relixiosa de Barcia de Mera terá o privilexio de gozar do talento da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG), marca internacional con seguidores nos cinco continentes a través da súa canle de YouTube e premiada coa Medalla de Ouro da Real Academia Galega de Belas Artes e é Premio Cultura Galega da Música 2010.

Baixo a dirección de José Trigueros a Orquestra Sinfónica de Galicia interpretará en Barcia de Mera obras de Leó Weiner e Johannes Brahms. José Trigueros é un dos directores españois con maior proxección, sendo director asistente da Joven Orquesta Nacional de España, dirixíu orquestras como a Orquestra de Valencia, a Orquestra Ciudad de Granada, a Orquestra Sinfónica de Navarra, a Orquestra Sinfónica del Vallés, a Orquestra de Córdoba, a Orquestra Sinfónica das Illas Baleares, a Oviedo Filarmonía, a Orquestra de Extremadura ou, en 2016, a prestixiosa Tonhalle Orchester de Zurich, onde foi seleccionado polo mestre David Zinman para unha Masterclass xunto á devandita formación.

A OSG, cuxo director titular desde a temporada 2023-24 é Roberto González-Monjas e Víctor Pablo Pérez o seu director honorario, foi orquestra residente do Festival Rossini de Pésaro de 2003 a 2005 e do Festival Mozart da Coruña desde a súa creación en 1998. Ademais, a súa presenza nacional e internacional foi constante, con concertos nas mellores salas en España e con varias xiras por Alemaña e Austria. En 2007 realizou unha xira por América do Sur —con concertos en Chile, Arxentina, Brasil, Uruguai e Montevideo—, a finais de 2009 presentouse na histórica sala do Musikverein de Viena e en 2016 ofreceu dous concertos nos Emiratos Árabes.

Tanto para os seus concertos internacionais como para os seus programas de abono, a OSG conta con solistas como Anne-Sophie Mutter, Isabelle Faust, Maurizio Pollini, Krystian Zimerman, Grigory Sokolov, Frank Peter Zimmermann, Maria Joao Pires, Elisabeth Leonskaja, Dmitri Sitkovetsky, Stefan Dohr, Alica Sara Ott, Gil Shaham, Sarah Chang, Leonidas Kavakos, Arcadi Volodos, Mischa Maisky, Javier Perianes ou Christian Lindberg entre outros moitos.

A OSG converteu a súa canle de YouTube na máis vista do sector en España e unha das máis visitadas a nivel europeo: con máis de cen mil subscritores os vídeos da OSG superan os trece millóns de visualizacións no último ano desde un total de 227 países. O éxito internacional da súa canle e as retransmisións en streaming HD iniciadas na temporada 14-15 supuxeron a súa proposta para o premio Classical: Next Innovation Award 2015.
Para asistir ao concerto débese reservar praza no número de teléfono 658 627 525.

Rutas guiadas ao Alto do Castelo do Faro
Organizada polo Concello de Covelo, en colaboración coa Deputación de Pontevedra e o GDR Condado Paradanta, dentro da programación cultural estable que se ofrece ao longo do ano no concello, esta fin de semana corenta persoas poderán gozar do roteiro guiado e observación estelar no alto do Castelo do Faro. Esta proposta, ademais, está deseñada dentro da estratexia de promoción turística que o goberno de Covelo desenvolve tanto en tempada alta como baixa.

Este sábado ás 18:00 horas partirán da igrexa de Prado as e os participantes nesta actividade para subir ao miradoiro paisaxístico do Faro, o punto xeodésico máis alto de Pontevedra con 1.154m de altitude situado na parroquia de Prado. De once da noite a dúas da madrugada observarán o firmamento da man da Federación Galega de Astronomía e Radioastronomía. As persoas interesadas en participar nesta actividade de interpretación astronómica deberán contactar nos números de teléfono 622 676 355 / 986 65 00 27. O alcalde, Pablo Castillo, explica que son ocasións únicas nas que aprender ao aire libre da man de expertos, gozar dunha actividade saúdable nunha contorna natural e confraternizar co resto das e dos participantes.