• Segue conectado
  • |

A Coruña pechou o pasado ano cunha débeda viva de 73 millóns, a máis baixa da última década

A Coruña | O Pleno do ordinario do Concello da Coruña será escenario este luns da toma de coñecemento da aprobación das liquidacións orzamentarias do Concello da Coruña relativa ao ano 2016, así como dos seus entes dependentes. De igual xeito tamén se procederá a dar información sobre o informe trimestral, emitido polo departamento de Intervención Xeral relativo á execución de Plan de Axuste durante o pasado exercicio.

Así, durante a sesión plenaria darase conta de que o Concello da Coruña pechou a súa liquidación correspondente a 2016 rexistrando un superávit de 27.465.486,85 euros, polo que se acadou o principio de estabilidade orzamentaria e se cumpriu co teito de gasto. O Goberno local proxecta amortizar de forma anticipada, grazas ao superávit resultante da liquidación presupostaria, o pago do crédito solicitado en 2012 polo anterior Executivo local dentro do denominado programa de Plan de Axuste posto en marcha naquel momento polo Ministerio de Facenda e que tiña como destino o pago a provedores.

 

A concelleira de Facenda. Eugenia Vieito, destaca que os resultados do pasado ano revelan “a saúde financeira do Concello da Coruña”, que se ve exemplificada no feito de que a finais de ano rexistraba unha débeda viva de 73 millóns de euros a máis baixa rexistrada no ente municipal nos últimos 10 anos. Tan só a liquidación orzamentaria de 2011 rexistrou un resultado máis baixo, neste caso de 70,03 millóns, aínda que neste caso non se incluía na débeda viva municipal a devolución dos PIEs (Participación dos Ingresos do Estado) correspondentes a 2008 e 2009, polo que se comprende, tendo en conta este factor, que o resultado de débeda viva de 2016 é o máis baixo dos últimos exercicios.

Ademais, o informe de Intervención indica que a evolución do remanente líquida de tesourería para gastos xerais, por un importe aproximado de 20 millóns de euros, reflexa o aumento “da magnitude financeira do Concello da Coruña a corto prazo”. “O aumento pon de manifesto unha mellora substancial da solvencia financeira deste Concello a corto prazo”, comentou Vieito. “De novo, nesta magnitude inflúe o bo facer do Goberno local”, explicou a responsable municipal, quen manifestou que o incremento “vén dado, entre outros factores, pola minoración da cantidade de dereitos que deben ser considerados como de dubidoso cobro, algo motivado, fundamentalmente, pola implantación durante este mandato municipal da nova ferramenta informática de recadación”.

A intención do Executivo de amortizar de forma anticipada o pago do crédito solicitado en 2012 dentro do programa estatal de Plan de Axuste grazas ao superávit de 2016, debe ser ratificada polo Pleno municipal, ao que no seu momento se lle presentará a corresponden modificación orzamentaria. Con todo, o Goberno local reivindica, como xa fixo con máis de medio cento de concellos de todo Estado a través da denominada ​ Declaración de Valencia que o Goberno central “aplique un modelo de financiamento xusto e sen restricións para os concellos”, de forma que poida destinar o superávit conseguido non só a facer facer fronte á débeda financeira.

“O Concello da Coruña é un exemplo do que está sucedendo en xeral coa aplicación da normativa de estabilidade orzamentaria nas entidades locais. A diferenza do que sucede noutros niveis de administración, os municipios estamos a cumprir escrupulosamente cos obxectivos marcados”, afirma Vieito, quen engade: “Impedir aos concellos poder reinvestir o superávit en prestación de servizos públicos e investimentos para os veciños e veciñas da cidade é máis sangrante se cabe, nunha cidade como a da Coruña, cun nivel de débeda moi inferior ó permitido, perfectamente asumible e, cun custo financeiro moi baixo, despois do refinanciamento levado a cabo por este executivo”. “O proxecto de orzamentos do Goberno central non inclúe ningún tipo de novidade a este respecto, algo que nos parece especialmente lesivo para os intereses das administracións locais e, por tanto, da cidadanía. É necesario que se leve a cabo un desenvolvemento normativo que flexibilice a utilización do superávit”, indicou a responsable da Concellería de Facenda.

Publicado o 13 Abr 2017 en A Coruña, Economía.
AVISO: Esta entrada ten máis de seis meses dende a súa publicación. É posible que o contido esté desactualizado.
Síguenos na nosa canle en TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies