Conservación dos espazos naturais da Torre de Hércules

Grazas á colaboración do Concello da Coruña e o Grupo Naturalista Hábitat

A Coruña | A concelleira de Medio Ambiente e Sostibilidade, Esther Fontán, asistiu esta mañá á sesión de divulgación e conservación das áreas verdes promovida polo Concello e o Grupo Naturalista Hábitat na contorna da Torre de Hércules, na que se inscribiron 15 persoas, adultos e pequenos que, de forma voluntaria e durante tres horas, colaboraron nesta xornada dominical na limpeza e retirada de especies exóticas invasoras no Espazo Natural de Interese Local (ENIL) da Torre de Hércules.

Fontán puxo en valor esta iniciativa que, por quinto ano consecutivo, e grazas ao convenio vixente coa Concellería de Medio Ambiente e Sostibilidade, implica á cidadanía en accións orientadas á investigación e coidados ambientais, que se levan a cabo sobre o terreo. Desde entón, máis de 1.274 coruñesas e coruñeses participaron nas actividades propostas e, de todas as persoas implicadas no proxecto, 867 centráronse especificamente na erradicación de especies invasoras como a herba do coitelo (carpobrotus edulis).

“Pequenos xestos como este significan moito, pola implicación das persoas asistentes e as tarefas de conservación que se levan a cabo para mellorar a contorna dun espazo que é de todas e todos. Por iso é tan importante achegar o sentimento desta iniciativa á cidadanía”, sinalou a concelleira.

Fontán estivo acompañada por Ricardo Ferreiro, presidente do Grupo Naturalista Hábitat, e Andrés Pereira, coordinador da actividade de limpeza e conservación programada para esta mañá nas inmediacións da Torre de Hércules.