Congreso Ourense Territorio Emprendedor 2025

Os Polos de emprendemento atenderon un milleiro de proxectos na provincia

Ourense | O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou en Expourense na inauguración do congreso Ourense Territorio Emprendedor 2025. Valorou a futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio na que traballa o Goberno galego e que ten entre os seus sete obxectivos principais impulsar e especializar máis a Rede de polos de emprendemento, con novidades como sumar ás oficinas fixas outras itinerantes para apoiar as zonas máis pequenas e rurais.

Esta Rede de polos conta con 15 centros en toda Galicia, entre eles os catro da provincia de Ourense (Verín, O Carballiño, O Barco de Valdeorras e Baños de Molgas), que levan máis de mil proxectos atendidos e unhas 115 empresas novas creadas. Entre as iniciativas asesoradas predominan os servizos, a hostalaría e o comercio.

O secretario xeral destacou que o persoal técnico dos catro Polos ourensáns ten realizado máis de 3.300 titorías e unhas 490 actividades entre reunións con entidades do territorio, eventos e accións formativas. Lembrou o seu importante labor a prol da remuda dos negocios vencellados estreitamente co territorio, que se verá apoiado en 2026 co incremento ata os 1,5 M€ do Bono Remuda, dentro da orde única de axudas para persoas traballadoras autónomas que estará dotada con case 41 millóns de euros en total.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.