Concurso de comparsas e carrozas do Desfile de Entroido

O Concello de Ourense repartirá 25.000 euros en premios

Ourense | O Concello de Ourense incentiva a participación no Desfile do domingo de Entroido (15 de febreiro), cun concurso que repartirá 25.000 euros en premios ás mellores comparsas e carrozas. A xunta de goberno Local aprobou nunha sesión extraordinaria as bases e a convocatoria. O 13 de xaneiro abriuse o prazo de inscrición para que poidan anotarse as asociacións veciñais, culturais e xuvenís, grupos, colexios e outras agrupacións que o desexen, sempre que presenten a súa solicitude antes do día 10 de febreiro ás 14.00 horas.

O goberno municipal mantén a súa aposta polo Desfile do Entroido, que volverá repartir 25.000 euros en galardóns, coa finalidade de fomentar a participación nunha das citas máis atractivas do Entroido da cidade. O alcalde de Ourense, Gonzalo Jácome, explica que “o ano pasado aumentamos a contía dos premios, deu bo resultado e os mantemos para este ano. É o mellor desfile do Entroido de Galicia, o que máis público ten, o de máis calidade e o que ten mellores premios. Na cidade, xunto cos entroidos de toda a provincia, estamos facendo o mellor Entroido do norte de España, con moita diferencia”, asegura.

O concurso repartirá premios de até 1.500 euros para a mellor comparsa e de até 1.000 euros para a mellor carroza. Comparsas con máis de 10 compoñentes: 1º premio 1.500 €..2º premio 1.000 €. 3º premio 800 €. 4º premio (entregaranse 4 cuartos premios) 500 €. Comparsas con menos de 10 compoñentes . 1º premio 500 €. Especiais Comparsas. Máis numerosa 500 €. Máis enxeñosa 500. Carrozas: Mellor deseño, execución e posta en escena 1.000 €.

Tamén haberá axudas para todos os grupos participantes que completen o desfile e non acaden ningún premio, ata un máximo de 17.200 €: No caso das carrozas, 200 euros para cada unha. No caso das comparsas de 5 a 9 compoñentes recibirán 100 €; de 10 a 29 compoñentes, 200 €; de 30 a 49 compoñentes, 300 € e de 50 compoñentes en adiante, 400 €.

As persoas interesadas poden consultar as bases e o modelo de inscrición na páxina web do Concello. Comparsas e carrozas poderán anotarse a través do Rexistro Xeral ou da sede electrónica. No caso de asociacións e entidades, a través da sede electrónica.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.