Concellos galegos e da África lusófona avogan por unha transición dixital xusta e sostible

A través do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Pontevedra | A necesidade de establecer estratexias de transición dixital socialmente xustas e ambientalmente sustentables é unha das principais conclusións extraídas do III Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía, organizado do 7 ao 9 de xullo na cidade caboverdiana de Mindelo polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e a Asociación Nacional de Municipios de Cabo Verde (ANMCV). No marco das xornadas celebráronse ademais os vinte anos de colaboración entre ambas as dúas entidades.

Máis de oitenta representantes da administración local e rexional de Galicia e de distintos países de lingua oficial portuguesa, así como da sociedade civil e do mundo académico e empresarial, participaron neste encontro cofinanciado pola Xunta e a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), que adoptou como tema central ‘O desenvolvemento local e a localización dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, unha visión asentada no proceso de transición dixital dos territorios’.

“As tecnoloxías son poderosos instrumentos de xestión municipal, mesmo para promover a participación cívica e reforzar a proximidade coa cidadanía e entre territorios”, afirmaba a ministra de Cohesión Territorial de Cabo Verde, Janine Lélis, na inauguración do evento, apostando ao mesmo tempo por atallar a fenda dixital para reducir as desigualdades.

Tamén o presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán, Juan González, avogou por “unha transformación tecnolóxica que poña ás persoas por diante, sen que ninguén quede atrás”, de xeito que a dixitalización permita mellorar as condicións de vida e traballo, reducir as emisións contaminantes e garantir uns servizos públicos modernos e accesibles.

Pola súa parte, o presidente da ANMCV, Herménio Fernandes, incidiu en que “internet debe ser considerado un ben esencial para o desenvolvemento”, ao que todo o mundo debería ter acceso, e definiu á transición dixital como “unha misión inaprazable para os gobernos locais”. A sesión de apertura completouse coas intervencións da coordinadora da Oficina Técnica de Cooperación da AECID no arquipélago, Patricia Ramos; do director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e de Helena Rebelo, en nome do comité organizador.

A primeira xornada do III Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía contou asemade coa exposición do secretario xeral da Asociación Nacional dos Municipios de Mozambique, Carlos Mucapera, quen considerou que “a tecnoloxía ten un papel crucial na resiliencia fronte ao cambio climático” e apuntou os desafíos na produción de datos, formación, mobilización de recursos e fortalecemento das autoridades locais. Así mesmo, a coordinadora da Área Social da Unión das Cidades Capitais de Lingua Portuguesa, Princesa Peixoto, salientou que “debemos garantir a protección dos Dereitos Humanos na era dixital”.

Tamén interviñeron o director técnico de Unitel, Hélio Varela, quen chamou a planificar as infraestruturas de telecomunicacións e a administradora de NOSi, Mayra Silva, que expuxo as características do metaverso. As conferencias pecháronse coa presentación da Rede de Autoridades Locais da Lusofonía polos ODS, na que a xerente do Fondo Galego, Andrea García, convidou a aproveitar os vínculos existentes para afrontar os retos da Axenda 2030.

Cambre, Cabanas e Pontedeume
Os concellos galegos foron os protagonistas no segundo día do III Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía, que deu comezo co relatorio da concelleira de Benestar Social de Cambre, Lúa Sanguiñedo, quen explicou a metodoloxía dos orzamentos participativos e como “coñecer as propostas máis votadas permite orientar as accións” do goberno municipal.

Neste senso, a edil de Igualdade de Cabanas, Paula González, expresou que a aplicación Liña Verde, na que a veciñanza notifica incidencias mediante xeolocalización, “facilita a planificación de actuacións e investimentos, alén da efectividade na resolución de problemas”.

Doutra banda, a concelleira de Turismo e Novas Tecnoloxías de Pontedeume, Yolanda Vázquez, explicou que a través do proxecto de realidade aumentada ‘Camiñando polo Pontedeume Medieval’ “se aplican as novas tecnoloxías a prol da calidade turística”. Cómpre apuntar que tamén asistiron ao evento a concelleira de Benestar Social de Lugo, Olga López Rocamonde, e mais a técnica municipal de Pontedeume Marián Castro.

Nesta xornada conmemoráronse asemade dúas décadas de colaboración entre o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e os municipios caboverdianos, nas que ademais de establecer sólidas relacións institucionais, se impulsaron un total de 33 proxectos en materia de xénero, educación, auga e saneamento, vivenda ou infraestruturas comunitarias.

“Esta cooperación tivo un impacto reseñable no desenvolvemento local”, declarou Herménio Fernandes ao asinar con Juan González un novo memorando de entendemento no que se acorda promover espazos de encontro e revitalizar a colaboración entre ambas as partes.

O programa completouse cunha presentación sobre a “localización” dos ODS en Cabo Verde a cargo do consultor Jacinto Santos, para quen a súa implementación pasa polo liderado dos gobernos locais e a creación de alianzas, mentres que o presidente de Correos, Isidoro Gomes, deu a coñecer a nova plataforma coa que impulsarán o comercio electrónico. O secretario de Estado de Finanzas, Alcindo da Cruz Mota, foi o encargado de pechar o III Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía, lembrando que “a redución da desigualdade e das asimetrías rexionais debe ser un obxectivo fundamental en calquera política pública”.

O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 100 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento.

Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional.

Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego chega ao seu 25 aniversario tendo desenvolvido máis de 170 proxectos en 32 países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.