Concellos do Eixo Atlántico interésanse pola caldeira de biomasa de Ponteareas

Destacaron esa iniciativa como "innovadora"

Ponteareas | Ponteareas aposta pola innovación, tamén no eido enerxético. Numerosos representantes de concellos galegos e portugueses do Eixo Atlántico estiveron este mércores na vila para manter un encontro de traballo e visitar “a caldeira de biomasa municipal e a rede de calor urbana, un campo no que Ponteareas foi tremendamente innovador”, segundo explicou o Secretario Xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao.

A reunión estivo presidida pola alcaldesa de Ponteareas e presidenta do grupo temático, Cristina Fernández Davila, e propio Secretario Xeral do Eixo Atlántico, quen destacou a importancia de celebrar o encontro na vila “para que as cidades galegas e portuguesas que integran o Eixo se acheguen a este tipo de enerxía renovábel”.

“Queremos que as nosas cidades aposten por este tipo de caldeiras, das que coñecemos algunhas das postas en marcha en Europa, algunhas moi avanzadas, e Ponteareas representa aquilo que levamos anos tentando trasladar ás cidades do territorio por enerxía, por medio ambiente e polo impacto importantísimo na prevención dos incendios, xa que contribúe á limpeza dos montes, un mal endémico tanto en Galicia como no norte de Portugal”, recalcou.

A rexedora explicou ás máis de 40 persoas participantes no encontro como foi a creación desta rede urbana de calor con biomasa que nunha primeira fase dará servizo á residencia de maiores e ao centro de día, ao Centro Social, á escola infantil municipal e á Casa do Concello.

Unha iniciativa que conta co financiamento de fondos FEDER da Unión Europea no marco da estratexia ‘Ponteareas, Hábitat Saudábel’ coa que o Goberno municipal “aposta por sistemas eficientes e eficaces que supoñen non só un importante aforro económico tanto no gasto de consumo como de mantemento, senón que tamén diminúen considerablemente as emisións a atmosfera”.

Nesta rede urbana de calor empregarase a estela como fonte de enerxía renovábel, substituíndo os actuais combustíbeis, gasóleo e electricidade, que se empregan nas instalacións municipais para calefacción e auga quente.

Durante a reunión, o Grupo Temático de Sostibilidade Urbana do Eixo Atlántico avanzou no seu Plan de Descarbonización, un plan de acción co que reducir e optimizar o consumo enerxético en todos os ámbitos municipais, así como fomentar a produción local de enerxía renovábel sen que as cidades perdan competitividade nin se vexa minguada a calidade de vida da veciñanza.

A este encontro tamén asistiron a concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo; a segunda tenente de alcalde e concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote; así como os dous autores do Plan de Descarbonización, o catedrático en Ecoloxía Emilio Fernández Suárez e o experto en sostibilidade urbana Francesc Cárdenas.