Concello do Porriño estaría obrigado a devolver os ingresos das canteiras de Atios desde 2018

Así o asegura unha nota de prensa da Comunidade de Montes de Atios

O Porriño | O xulgado de instrución nº 3 do Porriño vén de condenar ao Concello do Porriño “a abonar á Comunidade de Montes de Atios todas as cantidades percibidas ao abeiro dos contratos de arrendamento das parcelas litixiosas -as canteiras ubicadas no monte comunal de Atios- e relativas ás rendas devengadas dende o 28 de febreiro de 2018 (data da sentenza de 1ª instancia) e ata o 14 de novembro de 2022 (data da sentenza de firmeza por parte do TSXG)”.

Así reza literalmente no decreto asinado o pasado 4 de setembro pola titular do xulgado, a maxistrada Raquel Casas, que resolve a demanda de execución presentada pola comunidade de montes. Isto constitúe un novo éxito xudicial da Comunidade de Montes de Atios.

Non podemos por agora precisar as cantidades que o concello lle adebeda aos veciños de Atios. Porque só o concello sabe o que facturou, en base a que contratos, e o que efectivamente foi quen de cobrar. O alcalde en primeiro lugar e os funcionarios municipais, polo seu mandato, teñen a obriga de presentar todas esas contas no xulgado. Será aí cando teñamos unha idea do diñeiro que o concello cobrou ilegalmente desde que había xa unha sentenza que declaraba as canteiras como monte comunal. A partir daí, xa que logo, non había posesión de boa fe por parte do concello.

Debe abonar e limpar o lugar da parecela da astilladora
Asemade, o auto insta ao concello a deixar libre e expedita de xeito inmediato a parcela da antiga astilladora, que aínda segue ocupada polos servizos muncipais, incumprindo durante case un ano o mandato xudicial.

Xa é lamentable que unha vez máis a comunidade tivera que recorrer á vía xudicial para esixir o cumprimento dunha sentenza dos tribunais, pero non nos quedou outra opción ante a actitude arrogante e neglixente do actual goberno local.

Logo de varios escritos presentados por rexistro, incluída unha denuncia perante Medio Ambiente polo depósito de residuos contaminantes dentro da parcela, o concello nada fixo e a lugar segue como se non houbera polo medio unha sentenza xudicial.

Unha vez ditado o auto de execución, contra o que non cabe recurso, agardamos que o goberno do señor Alejandro Lorenzo non cometa o mesmo erro de desprezar aos comuneiros de Atios, como fixo o ano pasado presentando o recurso contra a sentenza que confirmou a titularidade comunal das canteiras. Ten agora unha ocasión inmellorable para corrixirse e aceptar de bo grao este novo mandato xudicial.

Por outra banda, a comunidade está a piques de concluir a regularización total das ocupacións das canteiras de Atios. En breve informaremos de todo o proceso de negociación levado a cabo con Pocasa para a sinatura dos contratos de arrendamento coas empresas titulares de concesións mineiras.