Concello do Porriño inicia a licitación para renovar a Praza de Abastos

Cun orzamento máximo de 106.000 euros.

O Porriño | O Concello do Porriño iniciou os trámites para licitar a contratación da primeira fase das obras de mellora que se levarán a cabo na Praza de Abastos, cun orzamento máximo de licitación de 106.000 euros.

O Concello pretende con este proxecto impulsar a Praza de Abastos converténdoa nun espazo de encontro e lecer que ofrecerá aos consumidores produtos de calidade e hostalería. As instalacións melloraranse para conseguir un interior máis diáfano e, nas seguintes fases, acondicionarase a contorna.

“Queremos reconverter o mercado, tanto no interior como na súa contorna, para facer deste emblemático edificio o centro neurálxico da zona comercial e de ocio e atraer nova clientela. Respectando sempre a esencia deste edificio de Xosé Bar Boo”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “A nosa praza de abastos debe ser un centro de referencia para as compras non só no Porriño senón en toda a contorna, un lugar atractivo para a veciñanza”.

A actuación na Praza de Abastos inclúe a renovación das instalacións de fontanería e saneamento, infraestruturas eléctricas incorporando iluminación led e sistemas de dixitalización. Ademais, renovarase o pavimento de todo o edificio, tanto na planta baixa como na entreplanta, ampliando esta última para conseguir máis superficie de uso. Traballarase tamén no exterior do edificio para subsanar os danos estructurais que presenta.

O proxecto do Goberno Municipal para este espazo é global, e inclúe en seguintes fases a mellora da contorna, trasladando o espazo de aparcadoiro a unha parcela contigua para crear unha praza exterior anexa ao edificio, que permita dispoñer dun amplo espazo para a celebración de feiras e eventos, coa idea tamén de que sirva como reclamo para atraer a nova clientela á vila. Tamén a reordenación do tráfico para mellorar a circulación e solventar problemas de aparcamento, ademais da adaptación de todo o mobiliario urbano.

O alcalde incidiu en que todo isto se fará “da man dos praceiros e praceiras, atendendo ás súas propostas e necesidades e, por suposto, causando o menor perxuízo posible para a súa actividade mentres duren os traballos”.