Tui | O Concello de Tui recoñece á “Cámara de comercio de Tui como unha entidade autónoma, economicamente viable, con solidez patrimonial, colaborativa e que reflicte un gran compromiso co tecido empresarial da nosa contorna”. Así se recolle na moción aprobada por unanimidade no pleno ordinario celebrado a pasada semana.
No texto aprobado maniféstase o apoio á Cámara tudense ante a posible unificación ou fusión da cámaras galegas tendo en conta a súa estratéxica situación polo seu carácter transfronteirizo co Norte de Portugal, “o que permite intensificar as relacións bilaterais dadas as boas infraestruturas que cruzan ambos os territorios, instrumento básico e necesario para potenciar o desenvolvemento económico”.
A Cámara de Comercio de Tui foi a primeira institución empresarial do sur da provincia de Pontevedra ao constituírse oficial por Real Decreto o 28 de maio de 1907. A súa demarcación abrangue os concellos de Tui, Porriño, A Guarda, Tomiño, Salceda de Caselas, O Rosal e Oia.
O censo electoral da Cámara está integrado por 7.535 empresas, das que 726 teñen carácter industrial, 1024 pertencen ao sector da construción, 3.134 ao comercio e 2.642 ao grupo de servizos. Ten dous sectores estratéxicos: unha forte implantación do sector de automoción, e a pedra natural, tanto en extracción coma en industria transformadora.A isto súmase a importancia de sectores como a construción, o metalúrxico, o comercio e os servizos, ao que se suma a diversificación económica que supón sector vitivinícola e o sector de produción de planta ornamental e a produción de froita.
En 2015, dentro da súa fase de crecemento, a Cámara de Comercio adquiriu o edifcio da antiga alfándega de Tui, autorizada pola Xunta dentro do seu Plan Estratéxico e de Viabilidade.
O acordo adoptado pola corporación tudense insta ao Goberno da Xunta de Galicia, dentro do seu marco competencial “a recoñecer a autonomía e independencia da Cámara de Tui como entidade con personalidade xurídica propia, viable económica, social e institucionalmente”.
Ao tempo ínstase á Xunta a “rexeitar a integración ou fusión da Cámara de Tui dentro de calquera proceso de fusión ou integración de cámaras posible, dada a súa saneada situación económica, o seu proxecto de futuro, a súa estratéxica localización e o seu papel vertebrador no ámbito transfronteirizo”.
Ao tempo solicítase do goberno galego “apoiar á Cámara de Tui no proceso de crecemento xa iniciado coa compra do edificio da alfándega e que permitirá afrontar os seus retos principais: a representatividade institucional e territorial e a viabilidade económica da Cámara”.