Concello de Tui acollerá refuxiados ucraínos

Ten a disposición dez vivendas municipais en Caldelas

Tui | Diante do desastre humanitario que significa o éxodo masivo de cidadáns ucraínos fuxindo da guerra e a destrución provocadas pola invasión rusa do seu país, o Concello de Tui mantivo hoxe unha primeira reunión para coordinar dende a institución municipal a axuda local á poboación ucraína.

O Concello de Tui respondendo a solicitude realizada dende a FEGAMP ten posto a disposición as dez vivendas municipais que están baleiras en Caldelas. Amais dende o Concello, faise un chamamento á poboación que poida contar con vivendas baleiras para alugar que comuniquen a súa disposición.

Esta mañá nesta primeira reunión de coordinación participaron por parte do Concello os responsables das áreas de Servizos Sociais, Ismael Diz, de Educación e Cultura, Sonsoles Vicente, de Emprego e Formación, Ana Núñez, así coma as técnicas de Servizos Sociais Carmen González e Paula Guerreiro. Estiveron presentes a Inma Rodríguez Lago, responsable do centro de acollida de Tui, e Belén Arranz Núñez, coordinadora de programas de Diversidades Acolle Tui, Irene Arias, directora do Centro Sociocomunitario de Tui, Raquel Gómez en representación de SOS Tomiño Baixo Miño, Sor Josefina do Voluntariado da Caridade de San Vicente de Paúl, e Juan González, presidente de Protección Civil de Tui.

Para canalizar esta información, así coma todas aquelas axudas que se poidan ofrecer vén colaborando coma voluntarios, ou ben a través de medios materiais, a próxima semana porase a dispor da veciñanza un punto de información na casa do concello, no departamento de Servizos Sociais, no Centro Municipal de Formación e Emprego en Guillarei e habilitarase un formulario na web municipal.

Tendo en conta que a axuda que vai precisar a poboación ucraína vai ser prolongada no tempo e non puntual, acordouse celebrar estas reunións de coordinación con carácter semanal para ir avaliando as necesidades que poidan ir xurdindo.

A veciñanza de Tui sempre ten demostrado ser solidaria e ter unha gran capacidade de axuda e cooperación con aquelas persoas que máis o precisan. Nestes tempos escuros nos que a guerra nos pon a proba a todos, unha vez máis debemos ser quen de amosar a nosa faciana máis solidaria colaborando coas iniciativas que se poñan en marcha para axudar ao pobo de Ucraína que tan difíciles momentos están a pasar, nenos, anciáns, homes e mulleres separados e separadas da seguridade do seu fogar precisan de nos agora e é agora cando debemos, podemos e temos que axudalos.

Programa Coidándome
Catorce persoas coidadoras de familiares depedentes participan dende onte xoves no programa “Coidándome” posto en marcha polo Concello de Tui, coa colaboración de AFAGA.

Durante doce sesión, os xoves de 10.30 a 12h, as persoas participantes recibirán información e formación sobre as difeferentes patoloxías que xeran dependencia e estretexias prácticas para o coidado. Tamén recibirán orientación sobre recursos sociais e de apoio para situación de dependencia, ao tempo que se incidirá na gran importancia do autocoidado.

A psicóloga xeral sanitaria de AFAGA, Beatriz Rodríguez, conduce estas sesión nas que participarán tamén unha fisioterapeuta, unha traballadora social e unha enfermeira, dando así resposta ás necesidades que se detecten no propio grupo.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz, deron onte á benvida ás participantes no programa, animándoas a aproveitar esta actividade pioneira que se levara a cabo xa en 2018, e que logo debido á pandemia tivo que pararse até este ano.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, fixo fincapé nas actividades que o Concello de Tui leva a cabo en colaboración con AFAGA, tanto no Centro de Randufe, coma nas distintas parroquias coma é o programa “Cultiva a Mente”, destacando precisamente o rexedor a descentralización deste programa. O programa Coidándome busca ofrecer unha atención integral aos coidadores familiares para previr ou minimizar as consecuencias que ten na súa propia saúde as atención continuadas a un familiar maior con dependencia. Nesta actividade emprégase unha metodoloxía grupal coa que se informa, forma, e apoia emocionalmente ás participantes, ao tempo que se promocionan momentos de descanso activo e relación social con outras persoas que se atopan na mesma situación.