Concello de Ponteareas levará a pleno o maior orzamento da súa historia

Con máis de 22,5M€ para o 2026

Ponteareas | O Concello de Ponteareas, nun exercicio de xestión pública eficiente, ten xa preparado o documento máis importante para unha óptima xestión económica, social e administrativa, o orzamento municipal. No vindeiro pleno ordinario do mes de setembro presentará o orzamento municipal para o ano 2026, que ascende a 22.518.408,54 euros, o maior orzamento da historia do municipio. Un incremento do 9,45% respecto ao exercicio anterior, cun aumento de case dous millóns de euros.

Explica o concelleiro de Facenda, Francisco J. Represas, que este crecemento é posible grazas á recuperación do equilibrio financeiro, tras superar o remanente negativo de máis de 2 millóns de euros herdado do anterior goberno. “A xestión responsable permite agora formular un orzamento que combina rigor económico e ambición transformadora, poñendo ás persoas no centro da acción municipal. Aprobar o orzamento municipal antes de fin de ano garante a continuidade, legalidade, planificación e eficiencia na xestión pública”.

O documento do orzamento é fundamental porque permite planificar os ingresos e gastos, evita a parálise administrativa, garante a legalidade e o control, dá estabilidade financeira, permite acceder a subvencións e axudas e responde as necesidades da cidadanía. A non aprobación dun orzamento significa que os servizos públicos poden verse afectados e a cidadanía perde calidade de vida ao no poderse contemplar novas obras , limitando a capacidade de resposta do municipio e xerando conflitos con provedores e contratistas.

“Un concello sen orzamento aprobado non pode gobernar eficazmente nin atender ben aos seus veciños por este motivo a un trimestre de que acabe o ano 2025 xa temos listo o documento para o 2026 ofrecendo estabilidade á cidadanía”.

Prioridades do orzamento 2026
Entre as principais liñas estratéxicas do novo orzamento destacan a aposta pola estabilidade económica e redución da débeda coa redución do endebedamento municipal e amortización de préstamos por baixo dos 600.000 €, un 5% menos ca en anos anteriores. Tamén se destinan novas partidas a saneamento e abastecemento nas parroquias e nova partida para a licitación do ciclo integral da auga, que permitirá dotar de saneamento ás 24 parroquias.

O orzamento de 2026 contempla os primeiros pagos comprometidos para proxectos como a depuradora, colectores ou o saneamento de Ribadetea, en colaboración coa Xunta de Galicia e o reforzo dos servizos públicos esenciais, ademais dun novo contrato de recollida do lixo e limpeza e un incremento do servizo de desbroces en máis dun 300%.

O benestar social é outro dos puntais para o 2026 coa consolidación do servizo de atención temperá e incremento das axudas de emerxencia social, a apertura do servizo “Café-Calor” para persoas sen fogar e un convenio con Cruz Vermella para a dixitalización de fogares de maiores. Tamén se investirá en modernizar a administración e en educación coa inauguración da escola infantil, da ludoteca e a renovación do convenio coa UNED.

A partida de cultura e a de deportes tamén contarán cun soporte económico histórico para garantir unha oferta de calidade e para todos os públicos. A captación de fondos europeos e reforzo da proxección internacional de Ponteareas estará na axenda do 2026 do goberno de Ponteareas.

Un concello con futuro
Con este orzamento, Ponteareas consolídase como un concello dinámico, responsable e preparado para o futuro, que aposta polos servizos públicos, a cohesión social, a igualdade de oportunidades, o desenvolvemento económico e cultural, e a modernización da administración. “Este orzamento corrixe os erros do pasado, cumpre compromisos históricos e impulsa un modelo de cidade moderna e centrada nas persoas”, destacou o equipo de goberno.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.