Concello de Ponteareas da luz verde ao proxecto de recuperación do terreiro de Moreira

Pretende actuacións para recuperar este espazo por valor de 331.177 €

Ponteareas | O Concello de Ponteareas aprobou na Xunta de Goberno Local o proxecto de recuperación do terreiro de Moreira, a explanada nas proximidades da igrexa parroquial, utilizada tradicionalmente como lugar de reunión e de esparexemento da veciñanza da parroquia, e lugar de celebración da súa festa principal, que presenta na actualidade unha gran degradación.

“O ámbito específico de actuación está formado pola explanada do terreiro, o camiño que sobe á igrexa parroquial e ao Pazo do século XVII, o tramo de camiño que chega ao cemiterio e o linde co centro cultural situado cara a zona leste deste ámbito, ocupando unha superficie total de 1.980m²”

O ámbito específico de actuación está formado pola explanada do terreiro, o camiño que sobe á igrexa parroquial e ao Pazo do século XVII, o tramo de camiño que chega ao cemiterio e o linde co centro cultural situado cara a zona leste deste ámbito, ocupando unha superficie total de 1.980m². Todo este espazo está catalogado, e tamén hai varios elementos catalogados no entorno do ámbito de actuación, de modo que en cumprimento da Lei 5/2016 de 4 de maio de Patrimonio Cultural de Galicia o proxecto require de autorización previa e vinculante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

O centro da parroquia de Moreira, onde no seu día houbo un fermoso terreiro en torno a un centenario carballo aos pes da igrexa, é hoxe un espazo roto, cheo de tensión e dominado polo automóbil. A construción dun centro cultural fai uns anos, se ben reforzou o seu carácter de espazo central, non conseguiu resolver o deterioro do torreiro. A degradación do lugar móstrase en múltiples aspectos: o impoñente carballo foi substituído por un farol cara aos anos 70 do pasado século, que xa non ten focos; o ancheamento do camiño para converterse en praza é unha estrada ancha con mediana central e dimensións propias dunha travesía urbana; o palco, dos anos 70, está moi deteriorado e invadido pola vexetación, e o seu tamaño desproporcionado colmata case por completo a zona destinada aos peóns; unha monumental aliñación de plataneiros que marcaba o acceso ao cemiterio e que forma parte dun camiño histórico é unha fila de molestos cotóns abafada por un muro de contención de formigón; o cruceiro, destacado símbolo do lugar do século XIX, atópase engulido polos vehículos, con numerosos danos polos choques con coches; o espazo para os peóns é un baleiro que se expande e se contrae segundo o número de coches que se amorean nos seus bordes, pero sempre é residual.

“A pesar do elevado deterioro apreciado no terreiro de Moreira, o espazo conserva un gran potencial para volver ser un espazo público de referencia no centro da parroquia, que conta con varios elementos que reforzan o carácter central do espazo dentro desta, como son a igrexa, o cemiterio, o centro cultural e incluso unha parada de autobús escolar. Para recuperar o espazo é indispensable recoñecer o papel de cada un dos actores do mesmo, redefinir os seus límites e buscar os eixos sobre os que coser os distintos fragmentos do espazo. O obxectivo que se persegue con este proxecto consiste en recuperar un espazo para uso e desfrute dos peóns, que integre tódolos elementos que o caracterizan para crear un lugar de referencia na parroquia para as celebracións, festas, reunións e encontros dos veciños de Moreira”, indicou Chus Garrote, concelleira socialista de Vías e Obras.

“A pesar do elevado deterioro apreciado no terreiro de Moreira, o espazo conserva un gran potencial para volver ser un espazo público de referencia no centro da parroquia”

As actuacións proxectadas teñen un custo de 331.177 euros e contemplan obras de urbanización tales como pavimentación, iluminación pública, saneamento, abastecemento, xardinería e mobiliario urbano, que buscan a mellora do espazo público existente. Este proxecto nace das propostas e ideas que xurdiron nos diferentes encontros que o goberno do BNG e do PSOE mantivo cos colectivos veciñais .

Detalle das actuacións proxectadas
1. Canalizar o tráfico rodado, reducindo e limitando o espazo afectado polo coche e recuperar o centro da praza para o peón. Proponse plantar novamente un carballo no lugar que lle foi propio, desprazando o farol á zona suroeste do ámbito. A árbore iría acompañada dun banco que se podería mover nas ocasión en que se precise ter un espazo baleiro para a celebración dalgún evento.

2. Dotar dun novo pavimento que recobre todo o espazo. Estaría formado por unha trama de círculos de adoquín con centro no carballo. As áreas para o peón estarían acabadas cun pavimento continuo de formigón desactivado, con árido de cando rodado, e as do coche con adoquín miúdo de 5×5 cm. O adoquín e o árido de formigón serán de granito gris Mondariz, para conseguir un pavimento cunha cor homoxénea, e o mobiliario de formigón gris.

3. Conectar a explanada do centro cultural e o terreiro para crear un único espazo maior, para o que se retranquea o bancal que delimita o entorno do centro cultural e se abre unha escalinata na súa esquina suroeste para salvar o desnivel existente entre ámbalas plataformas e deixalas conectadas. Ao separar o bancal desconxestionaranse os plataneiros e ampliarase o camiño que conecta co cemiterio.

Tamén se reduce a presencia dos peches da pista deportiva para mellorar a conexión visual entre as dúas plataformas: o peche situado sobre o bancal é fixo, cunha malla de aceiro galvanizado de 10x20cm, e o peche lateral é móbil, formado por catro bastidores corredoiros de aceiro galvanizado coa mesma malla que os fixos. O peche móbil poderá despregarse cando hai eventos deportivos ou recollerse para deixar un espazo máis diáfano e aberto. O bancal é a escalinata estarán rematados con perpiaños e chanzos macizos de granito gris Mondariz.

4. Redeseño do palco da música. A súa dimensión actual é excesiva con relación ao espazo libre e ocupa, xunto coa parada de autobús, a mellor zona para sentarse. Proponse unha reinterpretación do mesmo combinándoo cunha secuencia de bancos modulares corridos e unha pérgola recuberta de xasmín. O palco apégase ao peche da finca do Pazo, nunha posición centrada, cunha forma poligonal que é unha reminiscencia da traza octogonal, pero cunhas esquinas redondeadas. Está rodeado por un banco corrido, e o contorno de perpiaños de granito gris Mondariz apardazado do escenario inclínase 9º cara dentro para conformar o respaldo do banco. A súa altura é de 0,90m sobre o nivel do terreiro, unha altura adecuada para a dimensión do espazo e que permite evitar a varanda de protección.

No extremo nordeste un dos módulos do banco sepárase para articular a parada de autobús e a escaleira de subida ao palco, e no extremo suroeste sitúase unha xardineira con arbustos e plantas aromáticas. A pérgola está formada por unha estrutura lixeira de perfiles conformados de aceiro galvanizado e unha trama de cables de aceiro. A maior parte do seu trazado é diáfano servindo de soporte á vexetación para crear un espazo en sombra, salvo a zona da parada de autobús, onde uns vidros planos aseguran a protección contra a chuvia. Coa interpretación do palco perséguese integrar nun mesmo elemento o banco, o escenario e a parada de autobús, ampliando a funcionalidade do palco como elemento organizador do Torreiro que ademais de conservar a función ligada á tradición festiva servirá para construír un espazo de estancia, cunha escaleira adecuada á dimensión do torreiro.

5. Colonización do camiño de subida á igrexa cunha fileira de magnolias Kobus, deixando deste modo que xardín do atrio da igrexa se estenda cara o torreiro. Na entrada do atrio proponse empotrar o pavimento os tres chanzos que provocan unha barreira arquitectónica, para eliminar o chanzo e sinalar o limiar da entrada. O desnivel sálvase cunha rampla tendida dentro do xardín resolta cun pavimento orixinal, de modo que o atrio queda accesible e integrado co resto da actuación.

6. Rehabilitación do cruceiro, recolocando a escalinata do baseamento e reparando a varanda.

Propiedade da foto: comarcasnarede