Ponteareas | O Goberno de Ponteareas compareceu ante os medios de comunicación para dar a última hora do estado do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e dos importantes avances acadados nas últimas semanas para normalizar a situación deste servizo afectado por unha folga indefinida desde o pasado 26 de setembro.
O goberno de Ponteareas quixo deixar claro o seu apoio ás traballadoras e tamén o seu firme compromiso coas persoas usuarias do SAF polo que velarán polo exhaustivo cumprimento do contrato.
Nun exercizo de transparencia o goberno local trasladou que dende o primeiro momento mantivo unha actitude activa de diálogo e mediación entre a empresa concesionaria e as traballadoras, participando directamente nas reunións do comité de folga celebradas os días 3 e 9 de outubro. “Grazas a este traballo conxunto, a maioría dos problemas laborais e organizativos que deron orixe á protesta están xa solucionados”, sinala o concelleiro de Facenda, Francisco J. Represas, responsable do contrato.
Melloras e incidencias resoltas
O edil de Facenda explicou que ante a “desinformación intencionada difundida por persoas con intereses políticos o goberno quere dar a última hora e explicar á cidadanía o estado real do SAF”. Entre as melloras acadadas ou de inminente solución están a:
– A regularización das nóminas e das cotizacións á Seguridade Social.
– A implantación dun sistema tecnolóxico de xestión do servizo, coa entrega de teléfonos móbiles ás auxiliares e de tablets á traballadora social municipal para mellorar a coordinación e reducir a burocracia.
– A normalización no subministro de material hixiénico, roupa e papelería, con provedores locais e stock de seguridade garantido.
– A contratación de novo persoal para reforzar o servizo e asegurar a atención continua ás persoas usuarias.
– A activación dos servizos de fisioterapia e podoloxía, que xa funcionan con normalidade.
– A entrega progresiva dos Programas Individuais de Atención (PIA), que quedarán integra-dos no novo sistema informático.
Servizos mínimos
O Concello recorda que, en cumprimento da normativa, se estableceron servizos mínimos do 20% (45 minutos diarios por persoa usuaria), criterio que foi avalado tanto pola Inspección de Traballo como pola Asesoría Xurídica municipal.
En relación coa folga, o Goberno local lamenta que o sindicato CIG manteña a convocatoria a pesar de terse solucionado os motivos iniciais, esixindo agora a municipalización do servizo, unha medida que non depende do ámbito laboral.
O edil de Facenda adiantou que para garantir a continuidade e a calidade do SAF, o Pleno extraordinario convocado para o 14 de outubro abordará tres puntos clave:
1. Aceptar a baixa voluntaria da empresa concesionaria, se así o solicita.
2. Iniciar expediente sancionador se procede.
3. Contratar unha nova empresa no caso de rescisión do contrato.
A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, lembrou a todos os medios presentes que “este goberno foi o primeiro e único capaz de sancionar á anterior empresa, tendo ademais que asumir e pagar 25.000€ de intereses polos impagos de anteriores gobernos. Os partidos que están agora mesmo a reivindicar tiveron 8 anos para sancionar ás anteriores concesionarias e mellorar os contratos e non o fixeron”.
Tamén recordou que foi o único goberno capaz de mellorar as condicións do novo contrato do SAF, o maior contrato municipal de 1,8 millóns de euros, incrementando o prezo hora do servizo, incrementando o importe do quilometraxe para equiparalo ao das traballadoras municipais, aumentando o número de horas contratadas de 55.000 a 90.000 horas un incremento do 65% para rematar coa lista de agarda de grao II e III, tendo unha bolsa extra de 15.000 horas para situacións extraordinarias e permitindo con todo isto que as traballadoras contratadas a media xornada puideran ter un contrato a xornada completa. A rexedora local tamén lembrou que de 17 traballadoras pasouse a 54 e dunha traballadora social a dúas.
“Lamentamos a manipulación política que os grupos da oposición Ponteareas en Común e BNG e o sindicato CIG están a realizar cun servizo de atención ás persoas máis vulnerables visibilizando que non lles importan os intereses das traballadoras, só un fin político”, engadíu Represas.
O goberno de Ponteareas reiterou o seu compromiso coa mellora continua do Servizo de Axuda no Fogar e coa defensa dun modelo de atención humano, profesional e eficiente, que poña no centro ás persoas maiores e dependentes do municipio.
“Non imos consentir actos violentos nin actitudes que entorpezan e prexudiquen ás persoas usuarias porque non teñen a culpa. Tamén lamentamos a crueldade de quen utiliza a estas traballadoras instigándoas á alterar a orde e excederse nos seus actos reivindicativos que lle pertencen por dereito”.
BNG: “ton incendiario e provocador de Nava Castro”
O BNG acusa ao goberno de Nava Castro de actuar de forma “incendiaria e provocadora” coas traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Ponteareas, que levan xa 14 días de folga indefinida en defensa das súas condicións laborais e da calidade do servizo. O Bloque considera que esta actuación “desacredita por completo” o papel do Concello como administración que debe garantir os dereitos laborais e o cumprimento das obrigas da concesionaria”.