Concello de Ourense abre un expediente de disciplina para reposición da legalidade urbanística

Por infracción contra o patrimonio cultural na localidade de Seixalbo
Estado anterior do Portalón do Recanto da Requeixada.

Ourense | Esta mañá, en xunta de área de urbanismo, Sonia Ogando, concelleira de Urbanismo, informou os grupos políticos do inicio dun expediente de disciplina urbanística para reposición da legalidade urbanística, así como sancionador, por infracción moi grave contra o patrimonio cultural na localidade de Seixalbo.

Lembra Sonia Ogando que se falamos de Seixalbo, estamos falando dun núcleo de interese etnográfico, e por tanto, cunha protección especial. O expediente abriuse contra dous veciños deste núcleo pola execución dunha obra sen a pertinente autorización nun ben patrimonial situado (o Portalón do Recanto da Requeixada) nun ámbito de especial protección como é Seixalbo.

Tras a denuncia realizada por veciños deste núcleo da cidade, a Policía Local levantou atestado e comprobouse que os infractores non só non tiñan licenza, senón que eran coñecedores de que o ben estaba protexido por patrimonio.  Terán que abonar 24.443,14 euros para a reposición da legalidade urbanística, así como unha multa de 60.000 euros por unha infracción urbanística moi grave contra o patrimonio cultural.

Estado actual logo das obras ilegais.

Na Xunta de Área desta mañá, a concelleira Sonia Ogando explicou con este exemplo “que desde a Concellería de Urbanismo estaremos sempre moi vixilantes na protección do patrimonio de Ourense, e desde logo faremos caer todo o peso da lei contra as persoas que atenten contra os bens patrimoniais que son parte da Historia da nosa cidade”.