Concello de Larouco e a Consellería de Cultura sacan á luz novos descubrimentos arqueolóxicos

Xacemento nun poboado fortificado da Idade do Ferro
O xacemento atopase nun entorno de alto valor natural, dentro da Rede Natura, Zona de Especial Protección de Valores Naturais e nunha Área de Especial Interese Paisaxístico.

Larouco | O lugar denominado como O Castrillón, na parroquia da Nosa Señora dos Remedios do Concello do Larouco, é un poboado fortificado da Idade do Ferro. Un xacemento arqueolóxico que emerxe monumental entre os ríos Xares e Bibei nun entorno de alto valor natural, dentro da Rede Natura, Zona de Especial Protección de Valores Naturais e nunha Área de Especial Interese Paisaxístico.

Malia a ser coñecido dende hai tempo o sitio non fora nunca obxecto de ningunha intervención arqueolóxica que permitira definir a súa antigüidade, dimensións ou estrutura. Razón pola que no outono de 2020 a administración local e autonómica impulsan de maneira conxunta varios traballos no lugar.

Practicándose dúas sondaxes arqueolóxicas en diferentes puntos do xacemento coa finalidade de poder obter unha primeira valoración con respecto a súa cronoloxía. Na primeira delas, acometida na parte superior do recinto, localizouse unha cabana escavada na propia rocha e de morfoloxía angular, que sería datada co método do carbono 14 no cambio de era, hai pouco máis de dous mil anos.

Unha minuciosa escavación en laboratorio do contido da ola ten permitido recuperar restos óseos, sementes e carbóns que, xunto coas propias terras, serán analizadas para determinar que tipo de ritual foi realizado antes do seu enterramento infantil.

Despois dos bos resultados daquela primeira intervención, o Concello de Larouco e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade asinan un convenio para esta anualidade 2021 co fin de seguir poñendo en valor o lugar. O proxecto, cun orzamento de 30.000€, permitiría seguir ampliando as investigacións arqueolóxicas así como a mellora paisaxística do sitio e a creación dun itinerario de visita con soportes informativos. O equipo técnico responsable da execución destes traballos sería a Sociedade Cooperativa Xeitura: xestión integral do Patrimonio.

As escavacións arqueolóxicas e o achado dun depósito votivo
Os traballos deron inicio a comezos do mes de outubro combinando a mellora paisaxística do sitio coa investigación arqueolóxica. A continuación dos traballos de roza selectiva, xa iniciados na anualidade pasada, permite favorecer a consolidación de especies endóxenas fronte outro tipo de vexetación foránea. Completando unha limpeza de case tres hectáreas de terreo.

En paralelo deron inicio as escavacións arqueolóxicas concentradas desta volta por baixo da cabana rupestre descuberta no outono de 2020.  Martiño Xosé Vázquez, director dos traballos, apuntaba que “a razón para realizar neste lugar a escavación e non noutro emprazamento, era rescatar novas estruturas que xa tiñamos á vista e que nos permitirían comprender como era o urbanismo do poboado. Ao tempo que poderíamos xerar un espazo facilmente comprensible para o visitante”.

O proxecto conta cun orzamento de 30.000€.

O que non tiña previsto o equipo de arqueólogos era que nese lugar tamén ían a localizar un excepcional achado. Baixo o pavimento dunha vivenda castrexa rescataron unha ola típica do fin do mundo dos castros que fora enterrada e tapada cunha lousa. Unha práctica propia do final da Segunda Idade do Ferro que reincidía na datación xa adiantada na campaña de 2020.

“Falamos de depósito votivo porque a ola que recuperamos foi enterrada intencionadamente baixo o pavimento da cabana que a ocultaba. E non só por baixo deste senón que tapada cunha lousa en horizontal e disposta nunha pequena fosa escavada na propia rocha. Un enterramento que anulaba a propia función da ola. Polo que decantámonos por outros usos simbólicos da mesma ou incluso un enterramento pois no seu interior foron recuperados restos óseos ”, afirmaba Martiño Xosé Vázquez que aínda non se atreve a aventurar que tipo de ritual se representaría con esta ofrenda.

“A día de hoxe mantemos abertas dúas posibilidades. Un depósito fundacional con alimentos a modo de banquete festivo ou un enterramento infantil. Malia a non ser un fenómeno habitual no mundo dos castros si existen varias referencias que poden orientarnos en ambas dirección. A escavación en laboratorio do seu interior permitiu recuperar varias sementes, restos óseos e de carbóns. Esperamos agora ao resultado do C14 para datalo e a análise da composición química das terras e un maior estudo dos restos óseos para axudarnos a decantarnos por unha das dúas posibilidades. Pero a verdade é que de momento, cos datos que manexamos, ambas opcións poderían ser igualmente plausibles” finalizou o director destes traballos.