Concello da Guarda prega á cidadanía polo uso responsable dos recursos hídricos

Ante as previsións de seca

A Guarda | A auga é un recurso moi valioso que non é ilimitado. Os episodios de seca son cada vez máis frecuentes e por iso, dende o Concello da Guarda, queremos apelar á cidadanía a facer un consumo responsable dos recursos hídricos.

Para iso, recoméndase prestar moita atención aos nosos hábitos, que ocasionan un gran impacto nas reservas hídricas.

Que podemos facer nós para aforrar auga?

• No lavabo: cando se lave as mans, os dentes ou se estea a afeitar non esqueza pechar a billa cando non o estea a usar a auga.

• Na ducha: dúchese en vez de bañarse e aproveite para encher recipientes mentres espera a que saia a auga quente.

• No wc: o inodoro non é unha papeleira, evite tirar da cadea sen necesidade e opte por cisternas de dobre carga priorizando usar a de menor capacidade.

• Na cociña: se frega a man evite ter a billa aberta se non a está a usar. Empregue o lavalouza e a lavadora cando estean cheos e lavados innecesarios.

• Coa comida: aproveita a auga de cocción ou de lavar alimentos para regar as plantas e pensa na pegada hídrica á hora de mercar os teus alimentos.

• Na horta: intenta empregar a mangueira só o imprescindible e, se fose posible, instala rego por goteo e rega ao amencer ou atardecer para evitar evaporacións

• Coa piscina: tapa a piscina fora de tempada de baño e instala un sistema de limpeza e recirculado para evitar o seu baleirado e posterior enchido.

• Coche e terrazas:Evitar malgastar auga no lavado dos cohes e no baleirado das terrazas e balcóns.

Cada un de nós podemos facer moito para ter a calidade e cantidade de auga que precisamos.

Dende o Concello da Guarda se pide á poboación que extremen as precaucións no uso deste ben, faise preciso adoptar medidas de aforro e uso responsable da auga xa que a estas alturas do verán, todos os modelos meteorolóxicos apuntan a que este verán vai a ser moi seco, co cal todas as precaucións son poucas para evitar cortes de auga. Hai que ter en conta que nestas datas e ata outubro a nosa vila ten un incremento de persoas importante co gasto de auga que iso ocasiona, por todo iso pedimos a colaboración de todos e todas.

Visitas guiadas ao Monte Santa Trega
As visitas guiadas ao Monte Santa Trega que se ofrecen dende o Padroado Municipal de Santa Trega para que os visitantes e veciños podan coñecer mellor o valor arqueolóxico deste monte, disporán nos meses de xullo e agosto de ata catro visitas diarias de martes a domingo.

Neste ano 2022 recuperase a ampla oferta de visitas guiadas, que xa comezou no mes de xuño e que rematará no mes setembro.

Para Rafa Álvarez, Concelleiro de Turismo, é importante promocionar e por en valor o Monte Santa Trega e os seus xacementos arqueolóxicos, así coma o MASAT(Museo Arqueolóxico de Santa Trega), para que os nosos visitantes coñezan todo o patrimonio e a historia dos noso antepasados.

Indicou Rafa Álvarez, que as visitas guiadas deste verán ao Monte Santa Trega, contan cun guía local, experto en historia que traslada os seus coñecementos en cada visita dun xeito sinxelo e animado para que os participantes se “embriaguen” da cultura castrexa e o patrimonio do noso municipio.

A oferta das visitas amplíase nos meses de maior afluencia, xullo e agosto, con visitas de martes a domingo e 4 visitas ao día (12:00h, 13:00h, 18:00h e 19:00h), polo que a oferta de visitas guiadas amplíase para que todos os visitantes interesados teñan a oportunidade de coñecer a cultura castrexa e a nosa paisaxe.

Este ano as visitas guiadas estarán centradas no Castro de Santa Trega, nas áreas escavadas dende o norte ao sur, pero sempre é interesante completar esta actividade coa visita ao MASAT, Museo Arqueolóxico de Santa Trega.

Para ofrecer unha visión máis ampla da zona escavada vaise realizar un percorrido completo dende porta norte ata a porta sur, recorrendo as diferentes áreas escavadas ao longo dos últimos cen anos como as vivendas reconstruídas, a zona de Mergelina, o concheiro,…

As prazas seguen a estar limitadas polo que se precisa de inscrición previa no Museo Arqueolóxico no tel. 690.01.70.38 (tamén WhapsApp) ou un mail a masat@aguarda.es. A visita guiada é gratuíta pero aqueles que accedan ao Monte Santa Trega en vehículo deberán abonar o prezo público.

A duración aproximada é 45 minutos e o punto de encontro é o aparcadoiro da Casa Forestal desde onde se partirá para comezar esta fermosa ruta polo interior do castro escavado.