Concello da Cañiza adquire as propiedades da antiga Cámara Agraria da Miñoteira-Valeixe

Por un importe de 59.331,40 €uros que o Concello abonará á Xunta de Galicia en 9 prazos

A Cañiza | A compra oficializouse esta mañá, ante a Notaria da Caniza coa intervención e sinatura do Alcalde Luis Piña e da Xefa de Servizo de Administración e Xestión Patrimonial da Xunta de Galicia Eva Lorenzo, asistindo tamén a Secretaria do Concello Inés Montero.

Esta propiedade será incorporada á relación de Bens Patrimoniais do Concello por un importe de 59.331,40 €uros que o Concello abonará á Xunta de Galicia en 9 prazos de 4.944,28€ anuais máis intereses.

Previamente a esta sinatura, o Concello transferiu o pasado 08 de maio, á Xunta de Galicia, a cantidade de 14.832,85€ en concepto de fianza. Condición requerida pola Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta para poder proceder á adquisición do inmoble e dos terreos dos que era titular a Comunidade Autónoma.

O Concello da Cañiza aprobou no Pleno celebrado o pasado 30 de marzo a adquisición da “antiga Cámara Agraria da Miñoteira – Valeixe”, despois de terse tramitado un expediente iniciado pola Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, chegando a un acordo de valoración aconómico de 59.331,40 €.

Este inmoble senlleiro da parroquia de Valeixe foi desafectado pola Xunta de Galicia en 2003, mediante o Decreto 346/2003 do 24 de xullo, cedéndose a título gratuito o uso ao Concello por un período de 10 anos. Con posterioridade iniciáronse os trámites de adquisición.

O Alcalde Luis Piña manifestou esta mañá a súa satisfacción despois de asinar o documento de escritura pública ” xa que a Antigua Cámara da Irmandade sempre foi e pretende continuar sendo un punto de encontro para todos os veciños da parroquia. Un lugar onde ademáis se concentran e desenvolven case todos os actos principais de Valeixe, xa sexan cursos de formación, festas ou xuntanzas populares”. “Por todo isto é de grande valor poder incorporar este inmoble ao Patrimonio de todos os cañicenses”.

Ademáis “para poder desenvolver calquera tipo de actuación neste entorno, o Concello obrigatoriamente ten que ser o titular da edificación e dos seus terreos, polo que esta adquisición permitirá executar nun futuro as obras da nova Área de Lecer que contará cunha zona de paseo, de xogos e zona de descanso, mellorando integralmente este espazo público”.

“Unha importante actuación para a que o Concello xa está buscando financiación”.