“Con 20 anos de existencia, Ecocelta atopou un legado viable e sostible”

Sergio Quiroga e Bárbara Álvarez | Fundador e bióloga de Ecocelta Galicia S.L.

Creada en 2003 en Ponteareas, Ecocelta Galicia S.L. estase posicionando como unha referencia a nivel europeo en materia de economía circular. Falamos co seu fundador Sergio Quiroga e coa bióloga Bárbara Álvarez.

Ecocelta acaba de chegar aos seus 20 anos. A empresa sempre apostou pola economía circular. Cómo estaba entón ese campo aquí en Galicia e qué futuro lle ven?
(Sergio Quiroga, SQ) Cando eu cheguei aquí aínda había vertedoiros. Non se tiña en conta a cuestión ambiental nin se lle daba valor aos residuos orgánicos. Aí foi cando valorei os meus 28 anos na Arxentina, onde se aproveitaba e se utilizaba todo probablemente por unha cuestión económica. Agora se lle chama economía circular pero entón era unha maneira de reciclar pura e dura. Aproveitaba os contenedores de madeira que se tiraban na Praza do Peixe; cando traballaba no parque forestal traía a madeira dos eucaliptos que quitábamos do bosque autóctono. Tamén percorría a maioría das cafeterías de Ponteareas recollendo o café que tiraban. Así que podo afirmar que era 100% reciclado o nacemento e a filosofía de Ecocelta; naceu como un proxecto de economía circular porque se aproveitaba todo o que se tiraba, que é a nosa materia prima.

Cando comezamos ninguén sabía o que era a compostaxe; agora todos son gurús da compostaxe. Nos últimos anos vemos como en Europa nace o concepto de economía circular. Creo que é un momento para reflexionar. Empresas que fixeron economía lineal durante moitos anos agora son líderes en economía circular. Resulta estraño que nos anos 2006 ou 2007 non saíran adiante proxectos de economía circular e agora como hai diñeiro, como os fondos Next Generation, da Comunidade Europea todos fan economía circular e son ecolóxicos.

Despois de 20 anos o modelo de Ecocelta chegou a unha madurez. Veu nun momento determinado polas dificultades de ser emprendedor ambiental en Galicia pero tamén porque as normativas medioambientais a penas estaban establecidas e van modificando e condicionando a túa empresa cara derroteiros que non queríamos como ser xestor de residuos, unha palabra que non me interesa. Eu non considero as miñas materias prima como un residuo. A madurez pasa porque xa aceptamos as regras de xogo; non tirar a toalla pero saber qué é o que hai, o que te toca e innovar sobre esas bases.

(Bárbara Álvarez, BA) Cando Ecocelta creouse o obxectivo inicial era a produción de humus de lombriz. Era unha empresa de lombricultura. Para alimentar á lombriz as materias primas eran os estércoles de animais. Sergio observou que había unha necesidade de xestión do estércol sobre todo porque non existían superficies para levalo.

“En Ecocelta facemos un compost de alta calidade”

Así comezou unha relación de sinerxia entre os gandeiros que precisaban dese espazo para levar o estércol e Ecocelta para elaborar humus de lombriz. Era un proceso de economía circular cos produtores locais que nese momento non se coñecía. Realmente somos o último eslabón da cadea. Aquí chegan os estércoles que logo se elaboran nun abono con valor engadido e que é utilizado na horticultura. Nós seleccionamos a materia prima que aquí chega, non traballamos con materiais envasados. Facemos un compost de alta calidade.

Ecocelta ten a patente para area de mascotas elaborada a partir do mexillón. Cómo está sendo a súa demanda no mercado?
(BA) Superou tódalas nosas expectativas. De feito estamos vendendo o produto no Supermercado Gadis. Comezamos o proxecto por casualidade; sempre dicimos que o pioneiro foi o noso gato, Chocolate, no marco dunha proba con concha de mexillón compostada. Vimos que aí había posibilidades para unha area de mascotas. Sergio probouno tamén cos seus gatos e notamos que lograba neutralizar o olor.

É unha area totalmente natural e o maior valor que ten é a procedencia de produtores locais, toda vez os que a utilizan están contribuíndo a que teña unha utilidade, ademais benéfica para o gato. Normalmente hai unha teoría que leva á práctica. Pero aquí foi ao revés: tras observar a reacción do gato comezamos a investigar que podía neutralizarse o olor grazas á acción do calcio sobre o pis do felino. E comezamos a atopar estudos que aseguraban que os olores marinos atraían aos animais.

(SQ) Co proxecto da concha de mexillón recibimos de Galicia un agasallo marabilloso. É unha materia prima que se estaba desaproveitando pero que tamén estaba xerando problemas de olores e vertidos así como de mal uso no chan, sen tratamento e como un fertilizante sen ser estudado agrónomamente, o cal é unha condea para a agricultura.

Para nós supuxo un desafío e custou moito estudo do que saíron tres patentes dende Ponteareas e Galicia e que estamos sendo recoñecidos a nivel mundial, como é no caso da area para mascotas a partir do mexillón. Podemos dicir que despois de 20 anos, Ecocelta ten conseguido cómo atopar un legado de ser a empresa que atopou unha solución viable e sostible para un residuo que non tiña precisamente ningún tipo de solución.

Xestionando toda a concha de mexillón de Galicia, unhas 100.000 toneladas, podemos substituír o 4% de toda a area que se utiliza anualmente en España. Se transformamos iso en area para gatos temos tres vantaxes medioambientais: eliminamos un residuo que se converte en algo moi útil; eliminamos a extración da sepiolita, un mineral que vén fóra de España; e terceiro que unha vez compostado este produto de concha de mexillón pódese utilizar, xa que a sepiolita non se pode compostar. Por tanto podemos dicir que dende Ponteareas estamos facendo un grao de area para o planeta.

Hai vendas a outras partes de España e o exterior?
(BA) Principalmente en Galicia porque se vende no Gadis pero mais alá da nosa Comunidade Autonóma tense que mercar online. E no exterior na área de Benelux (Bélxica, Holanda e Luxemburgo) atopouse interese e estase iniciando a distribución nesa área.

(SQ) Chamou tanto a atención porque este método non se fai noutras parte do mundo. Estivemos reunidos con xente de Chile, que ten un grave problema coa concha do mexillón igual que os de Benelux. Foi a observación da natureza o que levou atopar este coñecemento. Dende Madrid o Grupo IFA tamén amosou moito interese no noso produto.

A receptividade das institucións públicas e privadas ten sido positiva? Cres que é necesario avanzar aínda mais na sensibilización da economía circular?
(BA) Cremos que a día de hoxe existe sensibilización por parte dos organismos públicos. Actualmente a maioría da xente coñece a palabra compostaxe. Agora observamos que hai políticas que obrigan aos produtores a xestionar os residuos e que por iso estanse creando empresas de compostaxe.

Con todo, aprendizaxe sempre fai falla. Cando se instalan os contenedores marróns un dos problemas é que as persoas moitas veces non saben separar e non só tiran residuos orgánicos. Outro dos problemas e a falta de lugares onde enviar eses residuos orgánicos e a importancia de facer unha boa separación, de facer un bo compost. Este é un proceso longo de sensibilización pero vemos que xa se están avanzando cando menos nun paso.

(SQ) Fóra de Galicia e incluso de España valoran máis o que fixo Ecocelta. A patente a fixo Ecocelta e fíxose con tecnicos de aquí, de Ponteareas, do Porriño; e todo iso sabendo a Administración Pública que este proxecto existía. Considero que colaboramos para a transformación ambiental dunha parte de Galicia. Non estamos obsesionados pero o recoñecemento terá que chegar nalgún momento.

Tamén penso que se debe aproveitar esta oportunidade para apoiar un proxecto que non está feito: crear unha planta piloto onde poder seguir investigando e mellorando un produto que está na súa fase inicial. Isto é un proxecto estratéxico que poda xestionar 20 ou 30.000 toneladas, entre 20 ou 30% do problema, e que estea ubicada nun sitio onde nos diga a Administración. Que aí se xere o que denominamos o “método Ecocelta”: sacamos un fertilizante, o Celta Cal; un filtro biolóxico para purines do que nace o agropurín; e a area para gatos. Iso fai que o 100% do residuo do molusco sexa aproveitado.

“Queremos crear aquí en Galicia unha planta piloto para o ‘método Ecocelta”

Esta sería a planta pioneira en Europa e estaría en Galicia, non en Benelux ou Chile. Xestionar iso é case o 5% ou 10% dos fondos europeos que, por exemplo, se pediron para xestionar a concha en 2018. O noso proxecto andará en aproximadamente os 5 millóns de euros para xestionalo ben; xerará emprego e solucionará problemas ambientais. Se non se fai en Galicia se fará noutro sitio, por iso non imos deixalo morrer. Gostaríame ir ante o Parlamento Europeo para crear conciencia desta oportunidade que se abre.

Ecocelta tamén é pioneiro en lombricultura forestal. En que se basea este método?
(BA) Dende fai 20 anos temos a explotación gandeira de lombrices, da que fumos pioneiros en Galicia, co obxectivo principal de mantelos limpos. Incluso Medio Rural da Xunta de Galicia mándanos xente para que lles expliquemos cómo teñen que facer para abrir unha explotación como a nosa. Ante as ameazas de incendios decidimos crear un cinturón verde ao redor de Ecocelta a través da compra de terreos anexos. E así criamos as lombrices debaixo dos carballos con condicións de humidades mais ou menos reguladas.

Recibiches un premio europeo polo proxecto Agropurin. Como foi o proceso para levalo a cabo?
(BA) Efectivamente, trátase da Mención Especial outorgada pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria cofinanciado polo Fondo FEADER. O proxecto comezou no ano 2021 e foi a continuidade dun proxecto anterior (2015) para testar un sistema de depuración de purines. En 2021 presentouse para facer unha planta piloto para xestionar os purines de forma integral: por unha banda a parte sólida enviábase a vermicompostaxe e por outra parte facíamos unha depuración da parte máis líquida en diferentes fases, unha cun filtro técnico chamado Celta Caltek para neutralizar o purín que transforma o nitróxeno en nitrato cálcico; e logo a fase de depuración con plantas. Así depuramos o purín para poder utilizalo na súa fase final no rego e limpeza e poder aplicalo en máis hectáreas. Toda vez, o prezo para os gandeiros por metro cúbico é máis económico. É un método de economía circular totalmente exitoso para nós.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.