Comunidades de Montes de Ponteareas vixían A Picaraña ante alerta de incendios

En Arcos e Ponteareas contan cun sistema propio de control

Ponteareas | As Comunidades de Montes de Ponteareas e Arcos veñen vixiando o monte da Picaraña dende a pasada semana e así continuarán mentres a situación de risco extremo de incendio se manteña. Ducias de voluntarios e voluntarias de ambas as dúas parroquias están colaborando desinteresadamente nesta actividade preventiva.

O alto risco de incendios existente levou aos comuneiros das dúas parroquias a establecer un operativo de vixiancia e control no propio monte. O dispositivo permite controlar os accesos rodados ao monte e a vixiancia permanente dende diferentes puntos estratéxicos.

As altas temperaturas unidas á abundante vexetación existente fai que a alerta sexa máxima entre as comunidades veciñais. As Comunidades piden á veciñanza que na medida do posible se absteñan de acudir á Picaraña e aos montes mentres se manteña esta situación, pola súa propia seguridade e para dificultar a acción das persoas incendiarias.

As Comunidades veñen organizando estes operativos dende hai máis de dez anos. Por outra banda, as CMVMC teñen dispoñíbeis tamén os seus equipos e ferramentas de intervención e extinción para poder actuar de inmediato ante calquera foco de lume, uns medios que xa resultaron moi útiles e eficaces nos lumes de 2017 cando ducias de voluntarios e voluntarias foron capaces de frear a chegada do lume ás Chans da Picaraña.

As persoas interesadas en colaborar nesta actividade poden contactar coas comunidades en parroquiadearcos@gmail.com ou 628367616.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.