‘Compromiso na distancia’, mostra itinerante das letras galegas

Percorrerá 10 localidades ata decembro

Vilamartín de Valdeorras | O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe en Vilamartín de Valdeorras na inauguración da exposición itinerante Compromiso na distancia, unha das iniciativas enmarcadas na programación especial das Letras Galegas 2022 que levará o legado de Florencio Delgado Gurriarán por 10 localidades galegas ata decembro.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade salientou a oportunidade que esta exposición supón para “descentralizar a actividade das Letras e promover o legado de Florencio Delgado Gurriarán en distintos lugares de Galicia”.

Neste sentido, puxo de manifesto a importancia de escoller como primeira parada da mostra a vila natal do autor, que ten especial protagonismo na programación.

Anxo M. Lorenzo valorou a actividade que se está levando a cabo este ano cun amplo abano de máis de 150 accións dedicadas á figura do poeta, tradutor, editor, escritor e activista impulsadas pola Xunta, a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega en colaboración con múltiples empresas, entidades e concellos.

“Están pensadas para toda a cidadanía e desenvólvense ao longo de todo o ano coa intención de poñer en valor o papel esencial que o autor xogou na divulgación do galego e da nosa cultura ao longo do século XX”, indicou.

Da infancia á madurez
Compromiso na distancia abre hoxe no Centro Cultural de Santa Lucía de Vilamartín de Valdeorras e permanecerá aberta ao público ata o 29 de maio. Consta de diferentes zonas explicativas nas que se fai un completo percorrido pola vida e obra de Florencio Delgado Gurriarán, desde a súa infancia ata a súa madurez, incluíndo as súas experiencias en terras mexicanas e o regreso a Galicia coas primeiras publicacións.

O texto central e a documentación correu a cargo de Héctor Cajaraville con pezas baseadas no libro publicado por Xerais Florencio Delgado Gurriarán. Polos Vieiros da saudade. As fotografías pertencen ao arquivo familiar do autor, sendo fotos orixinais en branco e negro que foron modificadas con técnicas de coloración dixital.

Tras o seu paso por Vilamartín de Valdeorras percorrerá diferentes localidades galegas, con itinerancias en concellos da Rede de Dinamización Linguística e en bibliotecas da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. En concreto, tras o seu paso por Valdeorras chegará a Santiago de Compostela, para continuar na Coruña, Chantada, Vigo, Ourense, O Barco de Valdeorras, Lugo, Pontevedra e Celanova. Enmárcase nas diferentes accións programadas este ano polas Letras Galegas, que ademais de exposicións tamén inclúe actividades de carácter participativo, como lecturas públicas, espectáculos, rutas educativas pola comarca de Valdeorras, concursos de podcast ou a tradicional Carreira das Letras, entre outras iniciativas.