Compostela, un lugar santo destacado nos mapamundis medievais

Xornada de clausura do Congreso Internacional de Toponimia no Camiño

Santiago de Compostela | O Congreso Internacional de Toponimia no Camiño será clausurado esta tarde despois de tres xornadas cheas de contribucións dende distintas disciplinas arredor dos nomes de lugar das rutas xacobeas en Galicia, a Península Ibérica e Europa.

A representación de Santiago de Compostela e do seu templo nos mapamundis medievais é un dos temas que se abordan hoxe no encontro organizado pola Real Academia Galega coa colaboración da Asociación Galega de Onomástica (AGON) e da Universidade de Santiago de Compostela, que acolle o encontro na Facultade de Filoloxía.

A mañá arrincou coas achegas de tres referentes europeos dos estudos toponímicos. Elena Papa e Alda Rossebastiano, profesoras da Università di Torino, e Pierre-Henri Billy, do Centre National de la Recherche Scientifique (Francia). Elena Papa e Alda Rossebastiano ofreceron un relatorio sobre as pegadas do Camiño de Santiago na zona subalpina no que sinalaron os testemuños onomásticos vinculados aos lugares sagrados que xurdiron ao longo dos itinerarios dos peregrinos.

As investigadoras poñen o acento na amplitude da rede viaria que marcaba a zona, uníndose ás grandes rutas de tránsito alpino que formaban o vínculo cos principais destinos de peregrinación na época medieval e na moderna. Pierre-Henri Billy centrouse en catro mapas franceses para referirse ás parroquias denominadas Sanctus Jacobus dans les pouillés (s. XIII-XVI), as parroquias dedicadas a Saint Jacques (século XVIII), os nomes de lugares e rúas que evocan o santo no actual catastro (século XX), e os camiños dedicados hoxe a Compostelle.

Dos beatos ao mapamundis europeos: Santiago ao nivel de Roma ou a Torre de Babel
A mañá continuou con dúas achegas dende o Instituto Geográfico Nacional. Marcos Pavo López, xefe da área do Registro Central de Cartografía, amosará a pegada de Santiago e o Camiño nos mapamundis medievais, que é mesmo anterior á aparición do culto xacobeo na Península. “Nos mapas chamados beatos, polo nome do seu autor orixinal, Beato de Liébana (s. VIII), a tradición da predicación de Santiago en Hispania xa se manifesta tanto textual como graficamente. Tras a inventio ou a descuberta (ca 814-830), outros mapas medievais incorporaron referencias xeográficas moito máis precisas, situando os restos de Santiago o Maior concretamente en Compostela”, detalla. É o caso do beato do Burgo de Osma (1086), que ilustra tamén o Camiño de Santiago.

Máis adiante, a catedral de Santiago aparecerá destacada xunto ao nome de apóstolo e outros topónimos galegos, como Galicia ou o Miño, en famosos mapamundis doutros puntos de Europa, como o de Sawley (s. XII-XIII), o de Ebstorf (s. XIII), o de Hereford (ca. 1290) ou o da abadía de Ramsey (ca. 1350). “Isto demostra a relevancia do Camiño de Santiago e de Compostela como lugar de peregrinación á altura de Xerusalén e Roma. A transcendencia do culto xacobeo é tal que mesmo traspasa a barreira cultural do cristianismo, e é recollido no tratado xeográfico e mais no mapa do cartógrafo musulmán de orixe ceutí Al Idrisi (1154)”, concreta o enxeñeiro.

No de Sawley, un dos mapas ingleses máis antigos que se conservan, a catedral de Santiago rivaliza, de feito, con iconas de tamaño similar de Roma, Constantinopla, Xerusalén, Alexandría ou a Torre de Babel. O de Ebstorf, descuberto na localidade alemá do mesmo nome, é pola súa banda o mapamundi medieval máis grande dos que chegaron ata os nosos días. Malia seren as posicións relativas dos elementos xeográficos do territorio peninsular moi erróneas, a toponimia galega é abondosa e a representación específica da catedral transmite, unha vez máis, a importancia do culto ao apóstolo Santiago na época, abunda.

O máis coñecido dos mapamundis medievais do chamado estilo inglés e o medieval de maior tamaño que se conserva, o de Hereford, amosa na catedral da localidade británica que lle dá nome case 1100 topónimos e inscricións. Entre eles figura compostrinia (Compostela), que se le xunto a un edificio relixioso coa lenda templum sancti iacobi. “Á dereita da catedral e da torre de Hércules encontramos o fluvius mineus (o río Miño),. que completa unha descrición inusualmente detallada de Galicia nun mapamundi medieval”, valora Marcos Paco.

Todos estes mapamundis medievais son cartografías moi sinxelas, esquemáticas e con escaso rigor científico, como é propio dunha época na que a Geographia (s. II) de Ptolomeo, obra cimeira da cartografía científica, caera no esquecemento. Pero cómpre ter en conta tamén, aclara Marcos Pavo, que estas obras non pretendían unha representación xeometricamente exacta, senón que tiñan un sentido simbólico e destinado a explicar o mundo dende a concepción cristiá.

O Instituto Xeográfico Nacional tamén estará representado no Congreso Internacional de Toponimia no Camiño pola xefa de servizo de Documentación Xeográfica e Biblioteca; Marta Montilla. A enxeñeira presentará recursos xeográficos e dixitais deseñados por este organismo que poden ser de utilidade para os camiñantes.

Algúns deles foron especialmente deseñados para os peregrinos que realizan algunha das rutas xacobeas. “Estas aplicacións, así como a consulta de toda a cartografía oficial dispoñible do Camiño de Santiago, permite planificar o camiño elixido de forma detallada, incluíndo puntos de interese como os albergues e os monumentos importantes”, conta.

Galicia Nomeada, un proxecto colaborativo de éxito
O secretario xeral de Política Lingüística é outro dos relatores desta xornada. Valentín García abordará o compoñente lingüístico, cultural e turístico do Camiño de Santiago. Entre outras cuestións, fará balance de Galicia Nomeada, o proxecto colaborativo creado pola Real Academia Galega e a Xunta de Galicia para promover a participación cidadá na recolla da microtoponimia galega. Dende a súa posta en marcha en decembro de 2019, as 2835 persoas rexistradas na aplicación achegaron máis de 48500 nomes de leiras, fontes, camiños ou penedos, dos cales xa foron revisados e validados pola RAG máis de 40600, resume Valentín García.

O responsable da Secretaría Xeral de Política Lingüística incide tamén no potencial turístico da toponimia, que conta con “moitos exemplos ligados a mitos do culto xacobeo, e que agochan lendas pagás e cristiás”. Un 60% do territorio galego polo que pasan as rutas xacobeas ten a microtoponimia recollida e dispoñible para os peregrinos, apunta.

Xa pola tarde, o congreso rematará con tres conferencias dende a perspectiva da historia medieval. Irene García Losquiños (USC) abordará a pegada toponímica resultante da presenza viquinga nos arredores do Camiño; Andrés Menéndez Blanco (Università di Genova) e Fernando Álvarez-Balbuena García (Universidad de Oviedo) mostrarán a potencialidade da toponimia na investigación das paisaxes históricas a través de varios casos de estudo do occidente asturiano; e José Carlos Sánchez Pardo (USC), abordará a relación entre os topónimos e o estudo histórico da paisaxe.

José Carlos Sánchez Pardo salienta o alto grao de mantemento da toponimia altomedieval e a “relativa facilidade para identificala a través da documentación, algo que non sucede noutras zonas da Península Ibérica e que fai de Galicia un territorio de enorme interese para a investigación neste eido”.

O seu traballo céntrase, entre outros lugares, na contorna de Samos. “Nalgún caso puidemos mesmo constatar a orixe dalgún topónimo (Aián, ao redor de mediados do s. VIII) e o momento de fundación de varias igrexas (Santo Estevo de Reiriz e Santo Estevo de Calvor, ao redor da segunda metade do s. VIII; e Santiago de Renche, polo menos desde o século X), que continúan funcionando hoxe en día como cabeceiras parroquiais”, pon como exemplo o profesor da área de Arqueoloxía da USC.