A dereita española é cómplice do xenocidio israelí contra o pobo palestino. Non tiveron pudor en facerse fotos cos representantes do Estado xenocida de Israel. Falan incluso de “lexítima defensa”. Que haxa tantos millóns de votantes españois a estes partidos sen escrúpulos dá que pensar… A xente que ten conciencia condena este exterminio colectivo activamente e intenta paliar, na medida das súas posibilidades, as súas terríbeis consecuencias na poboación de Gaza e de Palestina en xeral.
Aínda sen facer heroicidades – que algúns e algunhas si as fan- termos a conciencia máis ou menos tranquila neste asunto vale moito. Votar a un partido político que aplaude ou cala ante o exterminio de crianzas, mulleres e homes palestinos, practicamente, indefensos non é moi cristián que digamos. Someter á poboación civil durante 20 meses ás bombas, disparos, fame e destrución non é nin tan sequera humano. A Corte Penal Internacional deu a orde de parar o xenocidio e deter ao criminal Presidente Netanyahu. Porén EE.UU. e outros países seguen a enviar armas e a darlle apoio a Israel. Esa é a conciencia dos imperialistas e dos capitalistas…
“O BNG, a C.I.G. e o nacionalismo galego en xeral teñen unha postura nítida de apoio ao pobo palestino”
O BNG, a C.I.G. e o nacionalismo galego en xeral teñen unha postura nítida de apoio ao pobo palestino, ao que se lle quere privar da súa terra, dos seus dereitos e da súa liberdade e de condena clara deste xenocidio. A esquerda española tamén condena o xenocidio, porén en xeral non recoñece o dereito á lexítima defensa do pobo palestino nin apoia o dereito á liberdade de Palestina. E só se pode ser equidistante se estás mal informado; por iso recomendo o libro de Ilan Pappe, traducido por Carlos Aymerich, “Brevísima historia do conflito entre Israel e Palestina”, da editorial Galaxia. Nel se fala da limpeza étnica e do proxecto colonizador sionista, do apartheid que sofre a poboación palestina, do intento de Israel de borrar Palestina do mapa, da creación dunha nova toponimia xudía, e de facer inviábel en definitiva un Estado palestino.
As sanguentas persecucións dos xudios en Europa do pasado non deben xustificar o que fai Israel en Palestina co apoio de EE.UU. e dos seus estados vasalos. Visto o visto esa nunca foi unha solución xusta, porque Palestina estaba e está habitada polos palestinos. E teñen dereito á liberdade da súa Patria. Do Río ao Mar Palestina vencerá. E vou facer mención tamén a outro pobo desafortunado ao que tamén queren borrar do mapa: o pobo saaraui. O Sahara tamén debe ser libre e soberano. A loita da Fronte Polisaria non debe ser en van.