
Ourense | O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá, acompañado de técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas, a rúa Emilio Pardo Bazán para supervisar o comezo das obras de reforma, dentro do proxecto para a mellora de 13 travesías urbanas de titularidade autonómica, nas que a Xunta vai investir máis de 2,8 millóns de euros.
Pardo explicou que as actuacións proxectadas inclúen obras de reparación, rehabilitación e reforzo dos firmes e pavimentos integrantes do dominio público autonómico, tanto das beirarrúas como das calzadas, complementadas coa renovación completa da sinalización horizontal e outras pequenas melloras complementarias, de forma que se reforce a seguridade viaria e a accesibilidade.
Manuel Pardo detallou que dentro deste plan de mellora de infraestruturas da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, están incluídas as rúas Río Arnoia, Progreso, Emilia Pardo Bazán, parte da rúa Velázquez, Bispo Lorenzo, Coruña, Peña Trevinca, Seminario, Sáenz Díez, Bos Aires, Isaac Piñeiro Varela e Pena do Vado, Ponferrada e Avenida de Zamora.
E remarcou a importancia das redes viarias autonómicas para acadar a vertebración territorial, de modo complementario coa rede estatal. Neste sentido, sinalou que o Goberno galego segue traballando para aumentar e mellorar esta rede, asegurando unha axeitada conservación e preparándoa para eventos climáticos extremos.
O delegado territorial rematou poñendo en valor a aposta da Xunta pola conservación das estradas da rede viaria autonómica, ás que este 2025 destinou 68 millóns de euros, entre as que se atopan os viarios urbanos, co fin de mantelas nas mellores condicións e facelas máis cómodas, seguras e accesibles.
Intervencións executadas na cidade de Ourense
Esta actuación sumarase a outras actuacións de conservación levadas a cabo pola Xunta de Galicia nos últimos anos, como as executadas en treitos da rúa Progreso e Avenida de Zamora neste 2024 ou na rúa da Granxa en 2023.
Cómpre destacar, tamén, as obras de maior intensidade como as executadas en Marcelo Macías (OU-540), en Otero Pedrayo (OU-536) e en Seixalbo (OU-105), nas que se mellorou a accesibilidade e a seguridade. Tamén subliñar os 5,4 quilómetros de sendas materializados en ámbitos como Ponte Sevilla (OU-105), Avenida de Ponferrada, Rabaza (OU-536), Montealegre (OU-101) e Valdorregueiro (OU-150).




