Comezan as obras de remodelación do segundo andar do Mercado Municipal de Abastos de Ponteareas

Os praceiros atenden agora no primeiro andar mentras o segundo está pechado polas obras.

O Concello de Ponteareas vén de dar conta da reanudación, pasadas as datas do Nadal, das obras de remodelación do mercado Municipal de Abastos de cara a súa modernización e a convertelo no cerne do comercio local.
As obras céntranse agora na segunda planta, dedicada á venda de peixe, polo que os vendedores e vendedoras que exercían o seu labor nesta zona, atenden xa aos usuarios de xeito provisorio, na primeira planta.
O desaloxo da segunda planta vén dado pola necesidade de facer unha remodelación integral da mesma de cara a súa modernización, e a que poida prestar un servizo máis eficaz e dinámico e, ao mesmo tempo, que resulte moito máis cómodo tanto para os comerciantes que alí traballan como para os usuarios.
A concelleira de Comercio, Marisol Valado, explicaba que das visitas que empresarios do Mercado de Ponteareas, realizaron ás prazas de abastos do Ferrol e A Coruña, “obtivéronse algunhas ideas que poden adaptarse ás obras que agora se realizarán de cara a dinamizar o mercado local”.
Pola súa banda o alcalde de Ponteareas aseguraba ser plenamente consciente de que as obras “ocasionaban incomodidades momentáneas, como acontece con calquera tipo de actuación en lugares de uso público” pero, tamén afirmaba Salvador González Solla, que ditos inconvenientes e incomodidades que agora se terán que pasar “redundarán en beneficio tanto dos usuarios como dos empresarios que desenvolven o seu labor no Mercado Municipal” polo que de antemán agradece, “a comprensión, paciendia e o esforzo que están a realizar os vendedores e usuarios da praza”.
Unha vez rematadas as obras, engade o Alcalde, “poderemos contar cun Mercado Municipal totalmente renovado, atractivo para o público, cómodo para realizar as compras e adecuado ás necesidades dos vendedores, xusto o que se necesita en tempos de crise para reactivar a actividade deste servizo e que se converta no eixo no motor da actividade comercial do municipio”.

As obras de Remodelación Integral do Mercado Municipal, contarán, nesta fase, cun investimento de 166.500 euros dos que o 75% será subvencionado pola Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia, dentro do programa de subvencións a corporacións locais para a adecuación e modernización de equipamentos comerciais, mentres que o Concello de Ponteareas achegará o 25% restante con cargo aos orzamentos do 2011 e 2012.