Comercialización e difusión da Artesanía de Galicia

A terceira edición celebrouse no Santuario de Nosa Señora de Cadeiras

Sober | A Xunta de Galicia impulsou por terceiro ano consecutivo a comercialización da marca Artesanía de Galicia e a difusión dos seus oficios a través dunha nova edición do evento Artesanía de Galicia na Ribeira Sacra, no Santuario de Nosa Señora de Cadeiras. No programa inclúese exposición e venda de Artesanía de Galicia, tres talleres abertos para todos os públicos e unha sesión vermú co grupo musical De Vacas.

Artesanía de Galicia na Ribeira Sacra é un evento de comercialización directa e de divulgación dos oficios artesanais no que participan como expositores 19 obradoiros da marca Artesanía de Galicia, e que representan nove oficios diferentes: a madeira, a cerámica, a olería tradicional, os xoguetes, a bixutería, a marroquinería, a elaboración de roupa, os complementos de moda e a xoiería.

Os obradoiros que participaron como expositores foron Arobe Cerámica (A Coruña); os obradoiros de Ourense Bangus e María Aba; os de Quiroga Armaior e Enxógate; Blaurtopías (Vigo); Ceniza de Papel (O Corgo); os obradoiros de olería tradicional de Gundivós (Sober) Elías de Gundivós e Figulus Olaría Tradicional da Ribeira Sacra; Mimacuir (Taboada); Mocao (Oleiros); Nobelo a Nobelo (A Estrada); Noga Arts (Teo); Obradoiro Gorín (Buño, Malpica de Bergantiños); Olería do Batán (Baños de Molgas); Riomao Estudio Creativo (A Teixeira); Senda Coiro (A Pobra de Brollón); Lumecú (Vilar de Santos) e Siliva (Abegondo).

No programa de actividades incluíronse tamén tres talleres gratuítos abertos a todos os públicos. Trátase dun obradoiro de iniciación ao tecido con tapiz, impartido por María José Martínez e José Antonio Carrera, de Peixesapop (Vigo); un obradoiro de cerámica de torno a cargo da Asociación Galega da Cerámica e outras Artesanías (Gondomar); e outro de técnicas de cestería do que se encargou Carlos Rubio, do taller O Carabel Ecocestos (Ferrol).