Coidemos o noso patrimonio.

Con frecuencia vemos na prensa a triste nova dunhas máquinas que desgracian un petróglifo ou unha mámoa. Derrámanse castros para facer unha pista… E adoitamos ver impotentes como os danos son ocasionados por obras ordenadas pola Xunta de Galiza, como no caso dos petróglifos Beariz. Lemos na prensa que a mítica torre da Cal da Loba na Terra Cha está a caer sen que a Admón. faga nada. E outras veces nin tan sequera sae na prensa, porén o abandono vese “in situ”… O noso patrimonio arqueolóxico é un legado dos nosos devanceiros, que nos permite entender o pasado e o que fomos. Dicía Antonio Fraguas: “Durante toda a miña vida dediqueime a tratar de localizar e darlle visibilidade aos elementos do noso patrimonio que durante séculos pasaran desapercibidos ou foran obxecto de desprezo.” Até niso foi un adiantado e levaba aos seus alumnos a excursións para ver restos arqueolóxicos e que aprendesen a valoralos. Lembro unha viaxe que fixen coa miña dona visitando e fotografando petróglifos e mámoas de Campo Lameiro e o Barbanza. E repetín e repito a experiencia noutros sitios gustosamente. Moitos deles son puntos de interese turístico e sinalizándoos, poñéndoos en valor e coidándoos gañamos todos. Destruílos é un delito e facelo por neglixencia cando as obras as encarga a Admón., demostra unha desidia lamentábel.

E o idioma tamén é patrimonio: inmaterial e vivo. Como dicía Ramón Otero Pedrayo disque en 1931: “Ser europeo é ser un galego consciente, comprometido cunha cultura que se expresa nunha lingua de seu e que, por tanto, achega ao acervo común algo orixinal, non copiado nin imitado”. Garanten as políticas lingüísticas da Xunta do PP e do Estado a supervivencia do galego? Claramente non, pois perde falantes; máis ben o galego sobrevive a pesar de tanta desidia, presión ou marxinación. E, desde logo, non entendo a hostilidade cara a nosa lingua de persoas como Gloria Lago e un longo etcétera, aínda que máis discretas. Porén a esa xente que nos combate con malas artes, eu diríalles: “antes tolo que escravo”. E, como dicía Manuel María, “o idioma é a vida”; que non vola arrinquen, sutil e intensamente…

Funcionario de prisións xubilado, Ourense.