
Ourense | Xantar cumpre 26 anos de traxectoria promocionando a calidade dos produtos do agro e do mar galegos, a profesionalidade dos profesionais da hostalería e o papel que xoga a enogastronomía á hora de elixir Galicia como lugar de visita. O Salón Internacional de Turismo Gastronómico, a única feira internacional de turismo gastronómico de España presentou esta mañá os datos da súa 26ª edición que se celebrará en Expourense entre o 20 e o 23 de novembro.
Expourense reunirá a 70 expositores e con 4 países representados (España, Perú, Portugal e Venezuela). A recreación dun gran Mercado Enogastronómico con pratos galegos e internacionais é a principal novidade deste ano. Esta área compleméntase con 3 restaurantes do estilo habitual de Xantar que ofrecen menú pechado composto por produtos autóctonos de calidade, 2 aulas gastronómicas, 1 aula de catas comentadas. e 1 espazo de degustación das festas gastronómicas de Galicia. Tamén será nova a creación dunha Zona Infantil con inchables, xogos e monitores para que as familias #gozar da súa visita a Xantar.
A 26ª edición de Xantar foi presentada esta mañá nun acto celebrado na Praza de Abastos de Ourense que contou coa participación do director xeral de Comercio da Xunta de Galicia, Gabriel Alén; do delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo; do deputado de Turismo e de Representación Institucional da Deputación de Ourense e presidente do INORDE, Rosendo Fernández; do presidente da Unión de Hostaleiros de Ourense, Javier Outomuro; do xefe da área Provincial de Turismo da Xunta en Ourense, Cecilio Santalices, do presidente da Praza de Abastos, Emilio González; e do director de Xantar e director xerente de Expourense, Rogelio Martínez.
Esta presentación incluíu unha degustación ofrecida por empresarios asociados á UHO que terán unha participación activa en Xantar poñéndose á fronte de varios postos do Mercado Enogastronómico.
Turismo de proximidade
Xantar 2025 conta coa participación de tres deputacións provinciais de Galicia, de varios xeodestinos e GDR (Ribeiro-Carballiño, Trevinca -Valdeorras, Terra de Celanova – Serra do Xurés) e de concellos galegos das catro provincias.
Na presenza internacional destaca un ano máis a presenza de Portugal que estivo presente en Xantar desde a súa primeira edición. A Entidade de Turismo Porto e Norte é o principal socio estratéxico deste salón no país veciño e facilita cada ano a participación de numerosas cámaras municipais lusas que acoden ao salón con caseta e organizan varias showcookings, catas comentadas e degustacións para promocionar o turismo de proximidade. Hai que destacar un ano máis a gran presenza de expositores procedentes do Norte. En total, participan de forma directa e independente no salón unha decena de cámaras municipais portuguesas que se suman ás que participan baixo o paraugas de Turismo Porto e Norte.
Deste país participa tamén, por primeira vez ademais, a Cámara de Comercio de Angra do Heroísmo, nas Illas Azores. Ademais de contar cunha caseta promocional do destino mostrarán a súa gastronomía a través de talleres de cociña e degustacións. Trátase dunha participación que ten un compoñente emocional pola unión que sempre existiu entre Galicia e Portugal, pero tamén estratéxica, xa que é o principal mercado emisor de turistas estranxeiros a Galicia. E ao mesmo tempo a Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal conforman un destino único cunha oferta enogastronómica de calidade para posicionarse internacionalmente. Tamén participarán profesionais de países como Perú. Para facilitar a visita a Xantar, Expourense conta coa colaboración de Renfe, Transporte Oficial, que ofrece un 10% de desconto nos billetes de Longa Distancia e AVE.
Restauración
Xantar 2025 pretende converterse ademais no punto de encontro ou “quedada” para despois da xornada laboral coa organización de concertos de bandas galegas que animen a achegarse ao salón para gozar da música e tomar algo ou cear alí despois. O Mercado Enogastronómico acollerá concertos todos os días de celebración do evento. Os grupos “7 Rojo”, “GinToni’s”, “Teño sede” e “Movilla e os Irrepetibles” ofrecerán actuacións de xoves a domingo, nesta orde. Estes concertos complementaranse con actuacións de baile tradicional portugués, venezolano e a actuación do grupo “arroba de viño” do Grove.
Programa de actividades
Xantar reunirá a recoñecidos chefs que impartirán talleres de cociña en directo enmarcados no XX Encontro Internacional de Gastronomía Saudable e Sostible que ofrecerá ao público máis de 100 experiencias entre showcookings, catas comentadas, presentacións e degustacións.
Esta edición contará con dúas aulas gastronómicas (a de Grupo Cuevas e a Bricocentro) na que se impartirán máis de 50 talleres de cociña en directo (tamén haberá demostracións de cociña en varias casetas expositoras). Haberá unha aula no que se impartirán unha trintena de catas comentadas de produtos como viños, meles, conservas de peixe e marisco, queixos, augardentes e licores.
O horario de feira será de 11.00 da mañá ata a 1.00 h. da madrugada, excepto o domingo 23 de novembro, que a feira pecha ás 18.00 h.




