Citic Group e Zona Franca exploran investimentos na PLISAN

A cúpula da empresa chinesa reuniuse en Vigo co Delegado do Estado, David Regades

Vigo | A cúpula de Citic Group, o holding chinés que ten na Granxa-O Porriño á súa filial Citic Censa, visitou a sede da Zona Franca de Vigo onde, o delegado do Estado, David Regades, recibiu á delegación asiática, liderada polo seu presidente, Xi Guohua.

No encontro tamén participaron o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e o subdelegado, Abel Losada, así como a dirección da planta porriñesa de Citic, encabezada por Juan José Agulla. Citic Group é un dos holdings máis grandes do mundo que desenvolve a súa actividade en máis de 40 sectores empresariais e industriais e agora atópase en proceso de expansión.

De feito, o seu presidente, Xi Guohua, confirmou hoxe a intención de acelerar e apoiar os plans de crecemento da súa filial Citic-Censa e explorar tamén outras oportunidades de negocio para seguir investindo en Galicia. Na reunión, da man de David Regades, a dirección do conglomerado chinés coñeceu as opcións e vantaxes dos parques empresariais que xestiona o Consorcio vigués e mostrou especial interese pola ampliación do PTL ou a PLISAN que poderían ser espazos adecuados para os plans de expansión de Citic.

Xi Guohua sinalou que queren consolidar a súa presenza en España e ampliar a súa presenza en Galicia, que para iso a colaboración mutua é imprescindible e que a Zona Franca de Vigo está nese destino preferente polo seu bo ambiente de investimento empresarial, a súa localización privilexiada e a súa atractiva política para investimentos. Engadiu que Citic Group quere seguir exercendo de ponte para unir ao mundo e ser a conexión entre China e Europa.

O delegado Especial do Estado, David Regades, asegurou que “para nós Citic é un aliado industrial e estratéxico porque, de feito, xa ten presenza nun dos nosos parques empresariais”.

Regades agradeceu á súa dirección “que nos traslade o seu desexo de seguir afianzando esta relación e que nos vexa como un aliado neses plans de expansión”, e asegurou que “nesa ponte que Citic quere ser entre China e o mundo a Zona Franca é un gran aliado para atraer estes novos proxectos pola nosa capacidade de investimento, de colaboración público-privada e polos nosos parques dotados de novas tecnoloxías”.

Pola súa banda, o delegado do Goberno, Pedro Blanco, trasladou aos representantes da compañía chinesa a total colaboración do Goberno de España para chegar a novos acordos, aproveitando as oportunidades de investimento do grupo, e sacar adiante proxectos estratéxicos conxuntos para Vigo e Galicia.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.