
O Porriño | O Festival de Cans, cuxa XXIII edición terá lugar do 19 ao 23 de maio, continúa a reforzar a súa dimensión social a través do ciclo Cinema Sorrisos. Unha iniciativa que rematou esta semana, levando o cinema galego ás aulas hospitalarias co apoio da empresa LONZA GROUP, con sede en O Porriño. Ao longo do último mes, o proxecto percorreu cinco hospitais galegos, achegando proxeccións e encontros cos creadores a preto de 50 rapaces e rapazas, de diferentes idades que debían permanecer ingresados nestes centros.
As sesións celebráronse nas aulas hospitalarias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, do Materno Infantil da Coruña, do CHOU de Ourense e do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. En todos os casos, os nenos e nenas puideron converter por un intre o hospital nunha pequena sala de cine, vivindo algúns momentos moi emotivos.
O ciclo Cinema Sorrisos tivo como obxectivo arrincar algún sorriso ás nenas e nenos que, por enfermidades de diversos tipos, deben permanecer ingresados longos períodos en centros hospitalarios. A través destas sesións, o cinema convértese nunha actividade de apoio que axuda a facer máis levadeira a súa estadía, ao tempo que lles permite descubrir novas creadoras e creadores do audiovisual galego.
A iniciativa forma parte do compromiso do Festival de Cans coa inclusión e coa difusión do audiovisual galego durante todo o ano. O certame non só concentra a súa actividade nos días do festival, senón que desenvolve programas que achegan o cinema a públicos diversos, reivindicando o acceso á cultura, e especialmente ao cine, de persoas con menos oportunidade e a visibilidade de obras con circuítos limitados.
Ademáis de Cinema Sorrisos, outros exemplos son Cinemaldea, que en outono levou o cinema a máis de 300 personas que residen en aldeas do rural, ou o proxecto que intenta abrir o certame de crear un circuito de difusión en pequenas localidades no Norte de Portugal.
Durante as sesións proxectáronse diferentes curtametraxes vinculadas ao universo do Festival de Cans, como Agroglamour 21, de Javi G. Sobrado; Liminal Station, de Mario Filloy; ou Cadáver de dragón, de José Garnelo. Ademais das proxeccións, os nenos e nenas tiveron a oportunidade de conversar con algúns dos seus creadores e con traballadores do festival, como o propio director Alfonso Pato. Entre eles estiveron Mario Filloy, José Garnelo, director de Cadáver de dragón, e Jacobo Díaz, guionista do mesmo filme. Garnelo participou no festival na sección Novas Camadas, e tanto el como Díaz foron premiados na última edición do certame.
A programación das sesións realizouse cunha selección previa de obras e cun traballo coordinado entre o Festival de Cans e as aulas pedagóxicas dos hospitais, que valoraron os contidos para adaptalos ás idades e ás necesidades dos nenos ingresados. Con Cinema Sorrisos, o Festival de Cans reafirma a súa aposta por un cinema próximo, accesible e comprometido coa sociedade, capaz de levar historias e emocións a espazos menos habituais.




