Chove petróleo nos Emiratos Galegos Unidos.

O ano 2102, para todos aqueles afeccionados ao fútbol, foi un ano que non pasará ao esquecemento. Unha serie de acontecementos, que se foron sucedendo un detrás de outro, conduciron á elección da República Federal Galega como sede do Mundial.

Daquela o planeta non se sostiña. Secas, fame negra, deforestación e aire irrespirábel diezmaran a poboación do planeta a metade. Os combustibles fósiles acabáranse había anos e as fontes de enerxía renovables non funcionaban. Os raios do sol non eran quen de atravesar o espesor da capa atmosférica cargada de gases e metais. Os aeroxeradores, abandonados porque o vento xa non sopraba coa suficiente forza como para mover as súas aspas, foron caendo, cal fichas de dominó, pola falta de mantemento.

A supervivencia era a principal preocupación do ser humano e a auga substituíu ao petróleo como ben máis prezado. A finais de século, e grazas ao líquido elemento, Galiza acadara a independencia. Aproveitouse da coxuntura para convocar un plebiscito de escisión, tanto de Europa como de España, baixo a ameaza de cortar a rede de acuedutos que subministraban auga ao resto dos países. Pouco tempo despois xa era un dos estados con renta per cápita máis elevada.

“A supervivencia era a principal preocupación do ser humano e a auga substituíu ao petróleo como ben máis prezado. A finais de século, e grazas ao líquido elemento, Galiza acadara a independencia”

O minifundismo serviu para repartir a riqueza entre os galegos. Non había paisano que non tivera unha leira onde facer un pozo de barrena e montar o seu propio negocio. Convertémonos nos Xeques, Emires e Sultáns do século XXII. O euro deixou de empregarse como divisa e foi substituída polos aquodólares e os peinadores, así chamados en honor á nosa primeira moeda, que fora acuñada no Balneario de Mondariz a principios do século XX.

Os distintos gobernos que se ían sucedendo preocupáronse pola construcion de modernos sistemas de almacenamento e distribución co que se conseguiron tres obxectivos. O primeiro, que nin unha gota, tanto de chuvia como dos ríos, fora desperdiciada. O segundo, que Galicia recuperara a cor verde que perdera nas décadas pasadas cos devastadores incendios e que a transformaran nun pedregal. O terceiro, xerar enerxía.

O país, ao igual que os Emiratos Árabes Unidos, adoptou un sistema federal de goberno formado por sete estados con capital en cada unha das sete cidades máis poboadas.
Os bispos pasaron a ser califas. O Celta era o Madrid e o Depor o Barça. O Prêt-à-porter galego púxose de moda e ver a xente camiñando por Manhattan con boinas, tamancas e paraugas colgados nas costas era unha estampa habitual.

Todo o que tivera reminiscencias galaicas era considerado chic. Cocido sen trazas de porco, carne ao caldeiro baixa en calorías, licor café triple cero (cero alcohol, cero azucre, cero cafeína) crema de augardente sen lactosa, marisco sen tropomiosina, filloas sen sangue ou melindres cero azucre, cero gluten e cero huevina. Todos estes produtos considerábanse delicatessen e facían as delicias de alérxicos, vexetarianos, ovolacteovexetarianos e abstemios. A burguesía autóctona comezou a empregar a nosa lingua e os pijos madrileños falaban con acento galego.

Eramos unha potencia e conseguir organizar un Mundial suporía o recoñecemento ao status que viñamos de acadar. Décadas atrás celebrárase en Qatar, país con características similares: extensión como a de Lugo, mesma poboación e pozos de petróleo. A candidatura partiu con moita vantaxe grazas as infraestruturas que xa posuíamos. Non necesitamos subornar a políticos nin a membros das distintas federacións para que nos confiaran a celebración do evento e os cartos destinados para ese mester foron empregados en contratar un exército de inspectores de traballo e sanidade.

“Eramos unha potencia e conseguir organizar un Mundial suporía o recoñecemento ao status que viñamos de acadar”

Certo é que houbo moitas suspicacias o día que Galiza foi designada sede do campionato. O presidente da FIFA era bisneto de Rafael Louzán, o mandamáis da Federación Galega de Fútbol no 2014, pero a profunda pegada e a integridade moral que sementara o bisavó perduraría na saga dos Louzán e calquera que os coñecera non dubidaría da súa neutralidade.

A nosa selección conseguiu chegar á final que se xogou no Mariano Rajoy Arena (antigo Pasarón) contra a República de Kosovo, pero a pesares de perdela, os afeccionados a este deporte tardarán en esquecer o xogo despregado polo equipo. Os afeccionados non pararon de cantar o noso “You’ll never walk alone”, himno composto pola persoa que levaba o nome do estadio. Parte da letra dicía o seguinte: “Muy importante. Ya lo he dicho en alguna otra ocasión. No se dediquen a dar pases dentro de su área, el mejor lugar para situar la pelota es en el campo del otro, porque así no te podrán hacer gol nunca”. A pesares da lírica Rajoniana perdemos o partido, pero o que non se pode cuestionar é que a organización do campionato supuxo un antes e un despois para a nación, que dende este acontecemento, converteuse nun referente para o mundo enteiro.

Mestre no CEIP de Salvaterra de Miño.